Site icon Crónica3.com A Mariña

A “coordinación e o traballo conxunto” permitiu esclarecer os delitos rexistrados en Ribadeo

xunta-seguridade-ribadeoLugo, 28 de abril de 2014.- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, presidiu este luns a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade do concello de Ribadeo, na que tamén estiveron presentes o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Constantino Rodríguez Ramos, e representantes da Garda Civil, a Unidade de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.

No encontro fíxose unha análise global da situación delincuencial no municipio, da que se desprende que os delitos rexistraron un lixeiro descenso durante o primeiro trimestre deste ano, cambiando así a tendencia do 2013, cando os delitos experimentaran un repunte.

ALTO GRAO DE RESOLUCIÓN DOS DELITOS
A Xunta Local valorou o elevado nivel de esclarecemento dos delitos rexistrados en Ribadeo froito, segundo aseguraron, “da coordinación e o traballo conxunto” dos efectivos da Policía Local e a Garda Civil. Entre as principais actuacións desenvolvidas precisamente pola Garda Civil ao longo do ano pasado na localidade ribadense, lembraron a detención dun home como suposto autor de 17 roubos en establecementos de hostalería, vivendas e vehículos, ou a localización dun grupo de mozos que se adicaba a cometer roubos en vivendas vacías e garaxes, ademais de causar danos cuantiosos no mobiliario urbano.

Os integrantes da Xunta Local referíronse tamén á operación Barbarroja contra o tráfico de estupefaccientes, que supuxo a detención de sete persoas e a incautación dunha importante cantidade de droga procedente do norte de África para a súa posterior distribución, entre outras zonas, en Ribadeo.

ESPECTÁCULOS PIROTÉCNICOS
A Xunta Local abordou tamén as disposicións legais relativas aos espectáculos pirotécnicos que teñen por obxecto extremar as precaucións de seguridade en relación a este tipo de actividades, habitualmente moi concorridas, e que supoñen a manipulación de material explosivo. Neste senso, lembrouse o novo marco legal vixente, que entrou en vigor en 2013, e que incorpora ao ordenamento xurídico español da Directiva europea sobre a posta no mercado de artigos pirotécnicos. Esta nova normativa, entre outras precaucións, establece novos requisitos que os promotores destes espectáculos (sexan concellos, comisións de festas ou particulares) deben ter en conta para que a tramitación das autorizacións precisas para a súa realización.

Exit mobile version