Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación de Xuventude do Concello de Foz orienta para inscribirse nos campamentos xuvenís de verán da Xunta

Foz, 1 de abril de 2014. A Delegación de Xuventude do Concello de Foz, que dirixe a concelleira Mercedes González Alonso, informa e orienta para inscribirse nos campamentos de verán organizados pola Xunta de Galicia para rapaces de 9 a 17 anos.

Dende o Concello de Foz anuncian que os mozos e mozas de entre 9 e 17 anos poden solicitar ata o 10 de abril prazas nos diferentes campamentos que oferta a Xunta de Galicia. A participación na oferta da Campaña de verán 2014 realizarase mediante a inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous, tres ou catro irmáns ou irmás). As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:

a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación das mozas e mozos.
b) Aloxamento nun albergue xuvenil, nunha residencia xuvenil ou nun campamento xuvenil.
c) Manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para a actividade.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais por razón da súa discapacidade, disporase de persoal de apoio que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades.
f) Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
g) Nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas inclúese o transporte desde Santiago de Compostela, ou desde o lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela.

Para obter máis información os interesados poden visitar o portal de Xuventude: xuventude.xunta.es. A Delegación de Xuventude, dirixida por Mercedes González Alonso, tamén informa e orienta na inscrición para estas actividades e as persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Xuventude ou consultar no teléfono 982.13.30.37.

Exit mobile version