Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación abonará en xullo a todos os empregados provinciais a paga extra “incautada polo Goberno central”

paga-empregadosO Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; os Presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa dos traballadores provinciais, e os representantes das organizacións sindicais UGT, CIG e CSIF, asinaron hoxe un novo acordo maioritario, adoptado sen ningún voto en contra dos sindicatos na Mesa Xeral de Negociación de 15 de abril, en virtude do cal o Goberno provincial abonará a paga extra ós traballadores, “incautada no 2012 por decisión unilateral do Goberno central, presidido por Rajoy”, a través do Real Decreto Lei 20/2012, de 13 de xullo.

Gómez Besteiro destacou que en virtude deste novo acordo, froito do consenso, e unha vez se coñeza a resolución do acto de conciliación previsto para o vindeiro día 28 de abril, contra o que a Deputación comprométese a non interpoñer recurso algún, o Goberno provincial abonará a paga extra a todo o persoal funcionario e laboral. Tendo en conta a xurisprudencia previa, esta resolución será tamén favorable, de xeito que “previos os informes legais preceptivos en calquera administración, o abono farase efectivo coa nómina do vindeiro mes de xullo”, tal e como destacou o Presidente.

Este compromiso supón un paso máis na senda iniciada no 2012, cando o Pleno de setembro de dito ano, e co voto en contra do PP, formalizou o compromiso de buscar alternativas e fórmulas coas que protexer os dereitos adquiridos polos traballadores, sen incorrer en ilegalidade ou fraude de lei. Para iso, en outubro do mesmo ano a Deputación remitiu un escrito á Consellería da Presidencia para que trasladara ó Consello Consultivo de Galicia a petición dun ditame que analizara a intención da Deputación de compensar algún xeito a paga extra ós seus empregados. Polo momento, a Consellería de Presidencia aínda non deu resposta a dita petición.

Promoción profesional horizontal
Outro dos puntos destados deste acordo é o establececemento dun sistema de promoción profesional horizontal para todo o persoal funcionario e laboral que presta servizos na Deputación de Lugo, incluíndo tamén ó persoal temporal, e que será complementaria á promoción vertical ou interna.

Este mecanismo de promoción permitirá mellorar as retribucións dos traballadores que teñan unha avaliación positiva do seu rendemento laboral ó longo dun período determinado e que acrediten unha formación continuada e relacionada coas súas funcións, “adaptando así a promoción profesional a criterios máis obxectivos e modernos, con traballadores máis eficaces e formados que dean un mellor servizo público”, subliñou Besteiro. Nesta mesma liña, o Presidente destacou que “neste contexto de dificultades, hai que agradecer ós traballadores públicos que teñan dado o mellor rendemento sen obter por iso unha vantaxe económica”.

Rematar coa libre designación
Pola súa banda, os representantes sindicais así como os Presidentes da Xunta de persoal e do Comité de Empresa, que agradeceron a boa disposición para o diálogo por parte do goberno da Deputación, destacaron o positivo dun acordo que porá en marcha outras medidas, “mostra da progresiva profesionalización da xestión na entidade en base a criterios obxectivos”, como a de poñer fin á libre designación para a provisión de postos como as xefaturas de servizo, implantando como forma xeral o concurso de méritos, malia que a lexislación outorga a Alcaldes e Presidentes dita competencia.

Exit mobile version