Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación acolleu a entrega de premios dos concursos de banda deseñada, vídeo e manifesto do Correlingua 2014

rIMG_8675Lugo, 24 de abril de 2014. O salón de actos do Pazo de San Marcos acolleu, esta mañá, a entrega de premios dos concursos de banda deseñada, vídeo e manifesto que organizan a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística, en colaboración cos concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense, así como co apoio desta institución provincial, dentro do proxecto Correlingua, unha iniciativa de carácter nacional que transita a través dunha a outra localidade cun denominador común que é a dinamización lingüística da mocidade.

Na entrega de galardóns desta nova edición dos concursos do proxecto Correlingua, que cumpre 14 anos e que nesta ocasión se organiza baixo o lema “Galego, o paso adiante”, en alusión ao verso do poema Penélope: “Un paso adiante e outro atrás, Galiza”, da obra Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano; participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, o delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, así como Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino; Marcos Maceira, permanente da Mesa; e Marta Dacosta, coordinadora do Correlingua.

Durante a súa intervención, Antonio Veiga lembrou que “desde a área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo apoiamos esta iniciativa, e sempre intentamos reforzar ese afán de pór en valor e dinamizar o uso da nosa lingua e da nosa cultura entre a mocidade, organizando actividades para os máis novos como pode ser o programa estival Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación, que cos Mércores Miúdos e cos Xoves de Cultura Aberta, achegan a nosa lingua e a nosa cultura a un sector da sociedade que é clave para que o galego perdure no tempo”.

Na categoría de banda deseñada, resultou gañador o curso de 5º A do Colexio Divina Pastora de Lugo, co traballo “Viaxe ao pasado”; mentres que na categoría de Vídeo impúxose o IES Elviña, da Coruña, co proxecto audiovisual “Un paso adiante”. No concurso de manifestos, resultou vencedor o texto “Un paso adiante” de Os Ameneiros, do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, texto que será o manifesto oficial do Correlingua 2014, e do que se fará lectura en cada unha das doce carreiras que se organizan no marco do Correlingua nesta edición, e que percorrerán as localidades de Pontevedra, Vigo, Tui, A Estrada, O Morrazo, Ourense, A Coruña e Foz.

Exit mobile version