Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aforrará preto de 1 millón de euros anuais ós primeiros 20 Concellos adheridos ó Plan Enerxético provincial

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixo balance da implantación do Plan Enerxético provincial nos primeiros 20 Concellos, dun total de 47 que forman parte do chamado Club dos Renovables, que decidiron sumarse a esta iniciativa posta en marcha co programa europeo Lug02. 912.567 euros é o aforro que conseguirán estes 20 municipios neste ano grazas ó Plan Enerxético Provincial. Gómez Besteiro entregoulles ós Alcaldes os resultados definitivos das auditorías enerxéticas realizadas en cada Concello polos técnicos da Axencia Provincial da Enerxía, que tamén terán rematadas este mes a instalación de 9.167 elementos de aforro enerxético.

O programa, dotado con 1.100.000 euros cofinanciados por fondos europeos e totalmente gratuíto para os Concellos, consistiu nunha análise individual das casas consistoriais e doutro edificio de titularidade municipal que escolleron as propias entidades locais, para detectar posibles problemas de eficiencia e suxerir as fórmulas máis axeitadas para acadar un aforro de ata un 25% na factura enerxética desas instalacións.

Gómez Besteiro destacou que esta iniciativa “reforza aínda máis a cooperación entre Deputación e Concellos, contribuíndo a permitir un importante aforro ás arcas municipais que beneficia directamente ós veciños”. O Presidente subliñou que “a implantación destas medidas de aforro e eficiencia dá resposta á demanda actual dos propios Concellos sen supoñer ningunha carga económica”. Nesta liña, destacou que “só as auditorías previas realizadas hoxe non serían asumibles por moitos Concellos, polo que o aforro é notable dende o primeiro minuto”.

912.567 euros aforrados
Os Concellos ós que hoxe se lles fixo entrega das auditorías e nos que o Plan Enerxético provincial está implantado son os de O Incio; A Fonsagrada; Abadín; Cervantes; Pol; Samos; Pedrafita do Cebreiro; Negueira de Muñiz; Barreiros; Rábade; A Pontenova; Baralla; O Valadouro; Meira; A Pastoriza; Navia de Suarna; Láncara; Trabada; O Vicedo e A Pobra do Brollón. No caso destes catro últimos Concellos, nos vindeiros días os técnicos procederán á instalacións dos novos compoñentes, ós que seguirán os concellos restantes da provincia.

Gómez Besteiro desglosou os 912.567 euros de aforro:
– 192.182 euros na factura eléctrica pola implantación das medidas recomendadas nas auditorías previas,
– 522.385 euros do custe nos compoñentes instalados, adquiridos pola institución provincial de manera conxunta, o que tamén abaratou os custes,
– 200.000 euros nas auditorías previas realizadas pola Deputación.

A Deputación traballou en 13 Casas Consistoriais; 3 polideportivos; 7 centros socioculturais; 4 colexios públicos; 2 centros de saúde, e 19 instalacións de alumeado público, así como a compra e posterior colocación de 9.167 compoñentes, entre lámpadas de baixo consumo, reloxos astronómicos para programar automaticamente o acendido do alumeado; válvulas termostáticas ou descargadores de sobretensión.

Menos emisións de Co2
Ademais de acadar un significativo aforro nos gastos de facturas eléctricas, a implantación do Plan Enerxético provincial tamén contribuirá á redución na emisión de gases, ó que repercutirá positivamente na conservación do medio ambiente. Nestes 20 Concellos acadarase un aforro enerxético de 563,64 toneladas de Co2, equivalente á prantación de 28.182 árbores, o consumo de 2.251 barrís de petróleo ou o consumo eléctrico anual de 446 familias. Hai que ter en conta que os gastos en electricidade poden supoñer ata o 90% da factura enerxética dun Concello e o 15% do seu orzamento.

Exit mobile version