Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación súmase un ano máis ás reivindicacións das familias no Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

A Deputación de Lugo súmase un ano máis ós actos organizados polas Asociacións lucenses Raiolas e Capaces, que agrupan a familias de persoas con autismo, para tratar de concienciar á sociedade da importancia de apoiar e comprender ás persoas afectadas por trastornos de espectro autista.

De xeito simbólico, a iluminación ornamental da fachada do Pazo de San Marcos lucirá de cor azul para conmemorar este Día, a mesma cor que o lazo que tamén quedará instalado no balcón principal do edificio. Por outra banda, a pantalla ubicada nos mupis da Praza de San Marcos emitirá un vídeo elaborado polas asociacións, para completar ó das asociacións de familias que estarán á fronte das mesas que durante toda a xornada ofrecerán información sobre este trastorno e sobre a súa actividade.

A Asociación Raiolas e a Asociación Capaces, nacidas no 2000 e no 2013, respectivamente, son asociacións sen ánimo de lucro constituídas para apoiar ás familias de persoas con autismo, de xeito máis intenso nos casos infantís, co obxectivo de levar a cabo actividades encamiñadas a mellorar a súa calidade de vida e procurar a súa plena integración social e familiar. Ambas asociacións facilitan servicios de apoio, orientación e información a pais, nais e titores legais que teñan algún fillo con autismo, xa que tendo en conta non se trata dun trastorno con características únicas é fundamental o traballo continuo por parte das familias dos afectados, especialmente no caso dos nenos.

A colaboración da TIC
A Fundación TIC colaborará na difusión dos actos organizados pola Asociación Capaces Lugo para o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Un equipo da TIC gravará as actividades e realizará unha reportaxe para difundir, en varios medios de comunicación e nas redes sociais, as actividades que darán comezo coa colocación de globos azules e pancartas con mensaxes nas dez portas da muralla romana.

A achega da TIC é froito do convenio asinado con esta asociación sen ánimo de lucro, que recolle a realización de traballos audiovisuais de divulgación dos proxectos de sensibilización e atención das necesidades persoais dos asociados. Ó tempo, esta iniciativa permite que os alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son complementen a súa formación con prácticas reais e tomen contacto co mundo laboral.

Na actualidade, a Fundación TIC ten asinados convenios con máis dun centenar de entidades, entre entre as que tamén está a Asociación Raiolas. Esta ten previsto celebrar o Día Mundial do Autismo coa iluminación en cor azul do adarve da muralla.

Exit mobile version