Site icon Crónica3.com A Mariña

A DXT reúnese cos Concellos para traballar no reforzo da seguridade vial nas vías urbanas

O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, acompañado pola xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, presentou este martes en Lugo o primeiro dos encontros que manterán coas autoridades locais dos concellos da provincia co obxectivo de aunar esforzos en pro da seguridade vial no ámbito urbano.

Tal e como explicou Ramón Carballo, o encontro pretende implementar a coordinación entre administracións, ao tempo que se quere incidir na seguridade vial no ámbito urbano, dado que os accidentes con vítimas na zona urbana seguen a representar unha importante porcentaxe.

A esta primeira xuntanza, que se celebrou na aula de formación da dirección provincial do INSS, estaban convocados representantes dos 17 concellos da provincia que teñen Policía Local: Burela, Cervo, Chantada, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Rábade, Sarria, Vilalba, Lugo e Viveiro.

Xornadas formativas
A Dirección Xeral de Tráfico promove estas xornadas formativas co ánimo de impulsar a colaboración entre administracións e de potenciar accións que melloren a mobilidade e seguridade vial no ámbito urbano.

A DXT, que impulsou estes encontros a través da Subdelegación de Lugo, quere incidir no feito de que os accidentes con vítimas en zona urbana seguen supoñendo unha elevada porcentaxe da sinistralidade vial. De feito, segundo os datos publicados no documento das Principales Cifras de la Siniestralidad Vial 2012, os accidentes con vítimas en zona urbana representan o 57% do total e os falecidos neses sinistros supoñen o 24% do total de vítimas mortais en accidentes de tráfico. Isto supón un aumento con respecto ao ano 2011, mentras que os falecidos en vías interurbanas se reduciron nun 13% no mesmo período.

En Galicia, as vías urbanas rexistraron o 20,33% do total de accidentes en 2012 e o 17,19% das vítimas mortais. Na provincia de Lugo esas porcentaxes sitúanse no 28,57% e 15,15% respectivamente.

O Estado considera que o traballo nos núcleos urbanos pode redundar en importantes beneficios a curto e medio prazo, pero para elo é imprescindible a colaboración das autoridades locais competentes na material, de aí o interese deste tipo de xornadas formativas cos concellos.

Medidas para reducir a sinistralidade
Ademais dos datos de accidentalidade, a xefa provincial de Tráfico deu a coñecer aos representantes municipais a posibilidade de intercambiar datos coa DXT para poñer en marcha medidas encamiñadas a reducir a sinistralidade nas vías urbanas.

Entre esas accións que os concellos poden levar a cabo salientan a mellora na recollida de información en materia de accidentes, a avaliación dos sinistros no territorio, a posibilidade de intervir con modificacións estructurais de baixo custe para segregar os diferentes tipos de tráfico, promovendo a implantación dos plans de seguridade vial ou, por exemplo, de camiños escolares seguros. Mencionouse tamén o uso de medidas telemáticas de control de tráfico, a adhesión ás campañas de seguridade vial que programa a DXT ou a inclusión de aspectos vencellados á mobilidade seguras nas actividades formativas que programe o municipio.

No encontro deste martes abordouse tamén a posibilidade que teñen os concellos de asinar convenios de colaboración coa DXT para seguir a traballar de xeito conxunto non só en mellorar a seguridade vial senón en dar un servizo mellor e máis eficaz aos cidadáns no que a aspectos administrativas se refire.

Exit mobile version