Site icon Crónica3.com A Mariña

A ex-eurodeputada e candidata do BNG ó Parlamento Europeo, Ana Miranda, visitará unha explotación gandeira e reunirase co sector turístico na Mariña

A Mariña, 28 de abril de 2014. A eurodeputada e candidata do BNG ao Parlamento Europeo visitará mañá novamente a comarca da Mariña. Nesta ocasión estará na explotación gandeira da Casa da Granda, na Rilleira, en Barreiros; onde se reunirá con gandeiras e gandeiros da zona para falar sobre a reforma da PAC, a desaparición das cotas do leite o vindeiro ano e as últimas baixadas no prezo do leite que está sufrindo o sector. A visita será ás 17h. e, desde o BNG, convidan a asistir a todas as persoas que teñan relación co sector ou interese en compartir esta actividade co BNG.

A continuación, a candidata nacionalista desprazarase ata Ribadeo para manter un encontro con persoas relacionadas co sector turístico, no que tamén tomará parte o Alcalde ribadense, Fernando Suárez. Neste encontro, analizarán de primeira man co sector a situación do turismo na comarca da Mariña, as súas potencialidades e capacidades de crecemento partindo do aproveitamento sustentábel dos recursos patrimoniais, culturais e naturais da nosa comarca. Desde o BNG, sinalan que “nas últimas datas vimos como unha das praias mais coñecidas e visitadas de Galiza, a praia de Augas Santas ou As Catedrais en Ribadeo, sufría e xa é algo usual, unha invasión de visitantes que de non proceder á súa protección e ordenación pode acabar provocando danos no areal e mesmo accidentes indesexados.” No mesmo sentido, a formación nacionalista aposta por que os recursos e capacidades dos que dispón a nosa comarca, conten cunha planificación para o seu aproveitamento, posta en valor e a necesaria protección como bens indispensábeis para atraer visitantes e consecuentemente recursos económicos e emprego.”

O BNG asegura que “A Mariña é unha comarca con grandes potencialidades e que podería gozar dun desenvolvemento económico envexábel se os seus recursos (turísticos, agro-gandeiros ou forestais, entre outros) foran aproveitados e postos en valor polos distintos gobernos. É fundamental que as administracións se impliquen para que A Mariña poida garantir o seu futuro, porque somos unha comarca forte, con recursos e con xente disposta a sacala adiante, sempre que existan políticas que nos deixen desenvolver e poñer a funcionar os recursos.”

Neste sentido, desde o BNG levan defendido nas distintas institucións e tamén no Parlamento Europeo, por medio de Ana Miranda, protección para o espazo da praia de As Catedrais, como aproveitamento turístico ou un fondo de compensación leiteiro para o momento de desaparición das cotas, que tanto prexuízo pode causar no sector leiteiro galego.

Exit mobile version