Site icon Crónica3.com A Mariña

A FEGAMP aproba o seu orzamento máis austero dos últimos dez anos

CONSELLO FEDERAL2Santiago de Compostela, 23 de abril de 2014. O Consello Federal da Fegamp aprobou por unanimidade na mañá deste mércores o Orzamento da Federación para o ano 2014, que ascenderá a 1,13 millóns de euros, unha contía un 3,27% inferior á do exercicio anterior. Trátase do orzamento máis austero da Fegamp no últimos dez anos, unha redución “en sintonía coa que están a facer a inmensa maioría dos concellos galegos nas súas propias contas”, segundo puxo de manifesto o presidente e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey.

Só desde que Rey Varela é presidente, o axuste orzamentario da Fegamp é de máis dun 21%. Todo iso, grazas a un esforzo de contención do gasto a través da conxelación das retribucións do cadro de persoal, cargos directivos pero tamén do capítulo de ingresos, mantendo sen variacións o canon que abonan á Federación os concellos asociados.
Durante a súa intervención ante os alcaldes integrantes do Consello Federal, José Manuel Rey quixo pór en valor a actuación da Fegamp no proceso de reforma da Lei de Bases de Réxime Local. “Actuamos con exemplo e responsabilidade”, apuntou, “exemplo porque todos os alcaldes soubemos unirnos en contra dunha norma que non atendía ás singularidades de Galicia, e responsabilidade porque antepuxemos a defensa dos nosos veciños a criterios partidarios”.

Rey Varela insistiu na importancia de que o municipalismo se manteña unido á hora de defender as súas reivindicacións, “porque aí radica a súa forza”. Así, confirmou que os malos presaxios acerca das consecuencias negativas da reforma local “están a confirmarse día a día”. Neste sentido, valorou positivamente o proxecto de Lei de Medidas Urxentes que onte entrou no Parlamento como unha ferramenta para dar “solucións inmediatas” á difícil conxuntura en que se están atopando moitos alcaldes e alcaldesas pola reforma local para a prestación de servizos.
“Sabemos que non é unha solución definitiva”, matizou, “pero é un balón de osíxeno para manter a nosa carteira de servizos, e especialmente os de carácter social”. Non entanto, mantivo vixente a necesidade de que “a medio prazo abordemos unha nova lei galega de administración local e, sobre todo, un novo financiamento municipal”. “Os concellos non temos un problema competencial”, reiterou, “senón de financiamento”.

Sogama
Tanto a Comisión Executiva como o Consello Federal abordaron a situación derivada da subida do canon de Sogama, que afecta a 296 concellos e que comezou a aplicarse no recibo deste mes. A Executiva rexeitou, cos votos dos alcaldes do PP, a celebración dunha Asemblea de carácter extraordinario para tratar este asunto.

Pola contra, si se alcanzou un acordo unánime para constituír, conxuntamente coa Xunta, unha mesa de traballo na que estudar o futuro mapa de residuos de Galicia. Igualmente, acordouse encargar de maneira externa un ditame xurídico independente que avalíe as posibles vías de solución á subida exposta por Sogama.

Partidos xudiciais

Executiva e Consello ratificaron tamén a postura acordada fai quince días pola Xunta de Voceiros, que expresaba o rexeitamento frontal da Fegamp ao anteproxecto de reforma xudicial, no que se avanza a centralización dos xulgados nas capitais de provincia e danse pasos cara á desaparición da xustiza de proximidade.

Os tres partidos representados (PP, PSOE e BNG) coincidiron en defender a actual estrutura de partidos xudiciais, xa que a súa desaparición dificultaría o acceso á xustiza de miles de cidadáns.

Exit mobile version