Site icon Crónica3.com A Mariña

A viveirense Yolanda Rodríguez, prata no duatlón Cidade de Mondoñedo

A multideportista viveirense e dobre medallista nacional, Yolanda Rodríguez, do Club Deportivo Terras de Lugo, conquistou a medalla de prata no duatlón Cidade de Mondoñedo na proba celebrada o pasado sábado na cidade episcopal valedeira para o clasificatorio provincial e cunha nutrida participación de deportistas de diferentes puntos da provincia.

A deportistas realizou unha competición de menos a máis nun percorrido de 1,5 quilómetros de carreira a pe, 8 de bicicleta e un terceiro sector de 750 metros de carreira a pe para rematar na ponte de meta.

Rodríguez entrou retrasada á bicicleta, pero realizou na mesma unha rapidísima transición que lle permitiu gañar uns postos para encarar con decisión o sector de ciclismo que constaba dunha baixada en falso que se convertería nun calvario para as duatletas menos experimentadas neste sector, pois contaba con dúas curvas técnicas nas que se podía perder moito tempo e un retorno formado por un falso chan que castigou as pernas das participantes para o último sector de carreira a pe. Tanto foi así que algunha das competidoras, pese a ir ben situadas, tiveron que abandonar neste sector no que a mariñá realizou o mellor parcial ciclista da carreira cadete.

Yolanda Rodríguez afrontou o último tramo de carreira a pe en posición de medalla, e aínda que non sen sufrimento, aguantou ata o final cruzando a liña de meta en segunda posición por detrás da súa compañeira de equipo, Lua Vidal.

Agora continúa a preparar o campionato provincial que se celebrará o vindeiro 26 de abril na cidade de Lugo para intentar clasificarse para o Campionato Galego.

Exit mobile version