Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA e Ríos con Vida presentan alegacións ós mapas de inundabilidade da demarcación Miño-Sil

Lugo, 28 de abril de 2014.- ADEGA e RÍOS CON VIDA presentaron alegacións aos Mapas de perigo e risco de inundación encargados pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para dar cumprimento a unha Directiva europea que persegue a prevención e diminución dos danos provocados por este tipo de fenómenos naturais.

A elaboración e exposición dos citados Mapas constituíu a segunda fase da execución da devandita Directiva, a cal rematará dentro de dous anos, cando as Confederacións se doten dos correspondentes Plans de xestión do risco de inundación naqueles tramos fluviais que, a xuízo destes Organismos, presentan un risco significativo de inundación.

As alegacións inciden na ausencia de determinados tramos fluviais que deberan aparecer representados en ditos Mapas por presentar tal tipo de risco, como é o caso do tramo alto do río Rato –que constitúe un dos escollos para a aprobación da parte pendente do Plan Xeral de Lugo, ou o río Neira ao seu paso pola Pobra de S. Xiao (Urbanización da Finca Valdriz).

Así mesmo, observamos outras deficiencias xerais que se arrastran desde a primeira fase dos traballos –expostos ao público hai dous anos-, na que se seleccionaron os tramos que, supostamente, presentaban risco significativo de inundación. A Confederación usou unha cartografía incompleta a escala 1:25000 na que se reflicte só o 40% da rede fluvial representada na cartografía municipal de 1988. Alén disto, recolle parcialmente as zonas de depósitos arrastrados polos ríos, non ten en conta os plans urbanísticos aprobados, as novas infraestruturas e usos do solo e obvia unha parte dos bens de valor cultural susceptibles de padeceren riscos de inundación.

ADEGA e Ríos con Vida tamén detectamos que os mapas de inundación presentan incoherencias, ao facer coincidir de xeito ilóxico para un mesmo tramo a extensión das zonas afectadas independentemente das intensidades e caudais de inundación.

Ao noso xuízo, o documento técnico encargado pola Confederación semella estar dirixido a cumprir o trámite formal para o cumprimento da Directiva, no canto de avaliar con rigor os riscos potenciais de inundación en toda a rede fluvial da demarcación.

Exit mobile version