Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfoz celebrou o Día do Libro coa actuación de Catalina Lino Lina

Alfoz, 23-4-14.- Dentro dos actos organizados pola Delegación de Cultura e Educación do Concello de Alfoz e, máis en concreto, pola Biblioteca do concello, este pasado mércores, día 23 de abril, Día do Libro, os alumnos de Primaria do Colexio “Castro de Ouro” de Alfoz asistiron no Salón de Actos da Casa da Cultura do Concello á actuación da contacontos Catalina Lino Lina. A actuación estivo patrocinada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia dentro do seu programa de promoción da lectura “Ler conta moito”. Catalina Lino Lina, un personaxe de conto, saíuse do seu libro para cobrar vida e falar cos nenos asistentes, repasando varios contos tradicionais e facéndolle participar ó público neles. A actuación tamén contou coa presenza da Carapuchiña Vermella e o Lobo Feroz, así como dun polbo imaxinario e conseguiu os sorrisos dos nenos asistentes.

Os actos organizados polo concello para celebrar o Día do Libro continuarán o vindeiro sábado, día 26, ás 20 horas. O Grupo de Teatro Xuvenil “Érase unha vez” de Mondoñedo representará a obra “Mercados revoltos”, dirixidos por Esther Otero. Será ás 20 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz.

Exit mobile version