Site icon Crónica3.com A Mariña

Amadores da Música pon en marca unha campaña que incentiva con premios ós músicos da Banda Municipal de Ribadeo

Ribadeo, 29 de abril de 2014. A asociación Amadores da Música puxo en marcha este martes unha campaña que incentiva con premios aos músicos da banda municipal de Ribadeo. Un dos obxectivos é que se integre xente nova e que volvan á formación algúns que xa estiveron nela.

A xunta directiva de Amadores da Música explicou que con esta iniciativa “trátase de incentivar aos músicos da banda, aos que xa están nela e aos que no seu día estiveron e a ver se lles apetece volver. É unha campaña baseada en regalos, que van ter que conseguir os músicos asistindo, por suposto, a todos os ensaios e aos concertos. Con iso van sumando puntos e no momento que teñan suficientes para conseguir o regalo que eles queren daráselles ese premio. Isto tamén da lugar a que a aqueles músicos que por algún motivo incumpren esa norma restarémoslles puntos”.

O presidente da asociación, José Luis Pulpeiro, comentou que “agora estamos nun momento que, sobre todo os rapaces e as rapazas, están nunha situación un pouco atípica, porque hai xente na escola de música de Ribadeo que está preparada para entrar na banda pero non dan o salto. A ver se a través desta e doutras iniciativas que poidan xurdir son capaces de dar ese salto, porque eu penso que é interesante para todos, empezando por eles. Aínda que agora mesmo igual non se dean conta iso vai ser beneficioso para eles na vida. A ver se así somos capaces de chámalos, dalgunha maneira, para que entren na banda e se comprometan, pois nosoutros tamén nos comprometemos con eles”.

Para a directiva de Amadores da Música “na banda, como noutras actividades, hai ciclos. Agora mesmo estamos nun no que non temos practicamente canteira para poder entrar na banda. Quizais agora esteamos un par de anos un pouco apertados, pero o que estamos intentando é que nenos que están estudando música agora vaian coa idea de que van entrar na banda, porque lles vamos dar regalos ou porque lles gusta tocar. O ideal é que vaian á banda porque lles gusta tocar, iso por suposto, pero hai que recoñecer que un cativo ou unha cativa que ten que sacrificarse todos os venres para ir aos ensaios e despois asistir aos concertos ten que facelo porque lle gusta. Iso require un compromiso e dalgunha maneira hai que premialo”.

Exit mobile version