Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga inaugurou a III Copa Deputación de fútbol base

Lugo, 15 de abril de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, realizou, esta mañá, o saque de honra da terceira edición da Copa Deputación de Fútbol Base, no Campo de Fútbol de Frigsa, en Lugo, dando comezo así a unha competición que se prolongará mañá mércores, 16 de abril e o xoves 17 en Lugo, no Campo de Frigsa e nas Gándaras, onde competirán as categorías infantil, e xuvenil e cadete, respectivamente; continuará o 18 e 19 de abril en Burela, no Campo da Marosa, onde xogarán benxamíns e prebenxamíns; para rematar o día 20, no Campo Municipal de Becerreá, onde se disputarán os encontros da categoría alevín.

Un total de 123 equipos participan nesta nova edición da Copa Deputación de Fútbol Base, que botara a andar no ano 2012, 19 xuvenís, 18 cadetes, 22 infantís, 23 alevíns, 23 benxamíns, e 18 prebenxamíns. Neste sentido, Antonio Veiga apuntou que “este torneo move a máis de 2.500 rapaces e as súas familias, polo que estamos falando dun evento cunha magnitude moi grande e que implica aos clubs de toda a provincia”.

“Como vén sendo a nosa liña de traballo, – continuou o vicepresidente – desde a área de Deportes da Deputación, queremos facer fincapé no apoio ao deporte de base, propoñendo esta competición futbolística que será tamén un gran evento socializador e de convivencia para todas e todos os nenos e as súas familias”.

Os clubs que teñan que percorrer mais de 50 km terán sufragados os gastos de desprazamento; así coma os de manutención no caso dos equipos de fóra do lugar da sede sempre que a organización o estime oportuno. Ademais, cada equipo participante, é dicir, os 123 equipos recibirán un regalo de material deportivo e cada crianza terá un detalle de participación así como os trofeos e medallas para os equipos finalistas.

“Desde a área de Deporte da Deputación de Lugo estamos a poñer todas as facilidades para que participen o maior número de futbolistas e de clubs. É un aliciente para os equipos saber que teñen todos os gastos cubertos, tanto de transporte, como manutención e aloxamento, se fose necesario, do que é boa proba que cada ano se sumen máis equipos de toda a provincia a esta competición” – concluíu Veiga.

Exit mobile version