Site icon Crónica3.com A Mariña

As Anpas Galegas cren que a administración educativa debe “facilitar un ensino básico obrigatorio e gratuíto”

A Confederación de Anpas Galegas, respondendo ás declaracións do conselleiro de educación no Parlamento de Galicia o pasado 25 de marzo, aínda a vista da inconcreción das mesmas, o Vicepresidente de Anpas Galegas, Fernando Lacaci Batres, achega un comunicado da confederación.

Nese sentido, queren dicir:

– Que valoramos positivamente que a consellería de educación, consonte sempre defendemos, non vaia obrigar a “cambiar os libros de texto pola Lomce”, así como que entenda a innecesariedade de adaptar ningún material aos novos currículos xa que “hai marxe para que as novas metodoloxías poidan ser adaptadas nas aulas”. E entendemos que este argumento non debe cinguirse a este próximo curso académico, senón que é válido para todo o calendario de implantación da nova Lei.

– Que rexeitamos as referenzas feitas polo conselleiro a “axudar na adquisición de libros de texto a quen máis o necesita”; porque entendemos que é obriga da Administración educativa facilitar un “ensino básico obrigatorio e gratuíto” tal e como di o art. 27.4 da nosa Constitución; o que implica que todos os nenos teñen o dereito, non son pois suxeitos de “axudas”, a recibir o material gratuítamente.

– Que tamén rexeitamos as referenzas feitas na mesma comparencencia sobre “a creación dun banco de libros para aqueles que o necesitan”, dunha banda porque volve a incidir no concepto de diferenzación entre os “necesitados” e os que non o sexan, nunha catalogación que consideramos incorrecta e á que lle voltamos a opoñer a necesidade dun ensino gratuíto para todos; e por outra parte porque entendemos que a creación de bancos de libros non son máis ca un parche incorrecto no tratamento da gratuidade do ensino, tal e como defende o informe de outubro de 2013 da Defensora do Pobo cando di “a implantación dos bancos de libros non pode supor unha deixazon dos deberes públicos respecto do obxectivo de gratuidade das ensinanzas obrigatorias en relación cos libros de texto e material curricular”

– En consecuencia nós defendemos que o sistema útil e aproveitable é o de préstamo universal, sistema no que se xunta a gratuidade do ensino, o aforro económico institucional, e a transmisión de valores formativos de reutilización e solidariedade.

Exit mobile version