Barreiro dixo que estas eleccións “son fundamentais” para a nosa provincia e por iso os populares lucenses “traballaremos con intensidade, iremos a todos os concellos e explicaremos, como fixemos hoxe, cal é o papel de Europa, o papel que España quere xogar en Europa, e o que Europa debe xogar con respecto a España”. Neste senso, o dirixente popular amosouse convencido de que “vamos a gañar estas eleccións e vamos seguir tendo a fortaleza que España necesita e merece no conxunto de Europa”.
Barreiro explicou que o día a día de cada cidadán vese influenciado polas decisións que se toman en Europa e por iso insistiu en que é “fundamental” que apostemos por un partido que garanta “fortaleza e capacidade de influencia nese tipo de decisións”. O presidente dos populares lucenses indicou que “o único partido que pode garantir esa capacidade de influencia é o Partido Popular. Demostrouno día a día en Galicia e a nivel nacional e polas políticas promovidas por este partido fomos quen de recuperar a confianza en Europa”
RELATORIOS
A convención provincial desenvolveuse a través de catro relatorios nos que participaron destacados dirixentes da formación política en Galicia. A intervención inicial correspondeu ao secretario xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro, quen explicou a metodoloxía a través da que se ía desenvolver a convención e deu paso aos ponentes.
O primeiro en facelo foi o deputado autonómico e experto en asuntos europeos Daniel Varela Suanzes-Carpegna. O popular destacou a importancia de formar parte dun grupo parlamentario forte “para multiplicar o efecto do que se pode facer en Europa”. “Os nacionalistas están moi mal vistos en Europa e para conseguir cousas hai que ser fortes”, reincidiu.
O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy Fraga, centrou o seu relatorio no programa electoral e sinalou que este “está construído en base a pequenos impulsos de solidariedade, traducidos no apoio aos sectores produtivos galegos para adaptarse ao novo entorno económico, agrícola, gandeiro, da pesca, educación e ás políticas de xeración de emprego”.
Precisamente, este último aspecto foi unha das ideas fundamentais do relatorio que correu a cargo da Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen se centrou “en tres preocupacións compartidas por Europa e Galicia: o desemprego xuvenil, a inclusión social e a demografía”. Entre os datos referenciados por Mato, destaca a iniciativa de Emprego Xuvenil posta en marcha pola U.E. con máis de 6.000 millóns de euros de orzamento para os distintos países da U.E., e que, en consonancia con Europa, está a ser complementada polo Goberno da Xunta de Galicia a través do Plan de Emprego Xuvenil que prevé, entre as outras novidades, “a atención preferente para os menores de 25 anos que nin estudan, nin traballan (NINIS)”.
Por último, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, analizou a influencia que no sector primario lucense terán as recentes reformas da PAC (Política Agraria Común) e da PCP (Política Común de Pesca). Asegurou que os datos referendan os resultados económicos e normativos positivos que obtivemos na reforma da PAC. A conselleira referiuse ao mantemento no nivel de investimentos, -con 2.380 millóns de euros nos próximos sete anos-, ou a medidas tales como as axudas directas ligadas a agricultores activos que se establecen por primeira vez na historia. Do mesmo xeito, Rosa Quintana subliñou a importancia directa das decisións que toma a UE a través da PCP que, no seu contido, incorpora importantes propostas galegas. Entre os aspectos fundamentais, Rosa Quintana referiuse ao plan de acción que para a flota de pesca artesanal, -en Galicia o 87% corresponde a este segmento-.