Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro levará ó Parlamento e ofrecerá a todos os Concellos galegos a iniciativa que blinda ós traballadores de contratas

pleno-besteiroO Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este martes no Pleno que levará ó Parlamento autonómico e ofrecerá a todos os Concellos de Galicia a iniciativa que blinda ós traballadores das contratas que prestan servizo á administración. “Somos a primeira institución pública de Galicia e a primeira Deputación de España que incorporou cláusulas sociais en tódolos contratos de servizos, pero non nos conformamos con ser pioneiros na defensa dos dereitos laborais. Pediremos ó Presidente da Xunta no Parlamento que siga o camiño que abriu a Deputación de Lugo e impoña obrigas sociais nos contratos que blinden os dereitos dos traballadores”, explicou Gómez Besteiro. Ademais, engadiu, “ofreceremos a todos os Concellos galegos a nosa experiencia para que podan avanzar nesta senda”.

O Goberno provincial informou hoxe ó Pleno das condicións que xa impón a Deputación ás empresas no marco do seu novo modelo de contratación socialmente responsable. O Presidente avanzou neste senso que no mes de maio estarán adxudicados os primeiros 5 contratos de servizos que incluirán cláusulas sociais: os de vixilancia, limpeza, o Centro de Atención ó Usuario (CAU), o proxecto europeo do Goberno Intelixente e a aula itinerante de formación. Estes contratos suman un orzamento total de case 10 millóns de euros.

Por que é innovadora a Deputación de Lugo?
O mandatario provincial incidiu en que existe unha Directiva Europea do ano 2004 que contén previsións moi xenéricas sobre as cláusulas sociais nos contratos públicos, “pero na práctica non se aplica. Na Deputación, non só a aplicamos, senón que somos máis ambiciosos na defensa dos traballadores”. Gómez Besteiro concretou que o organismo lugués é innovador por catro motivos fundamentais:

– Porque xa inclúe cláusulas sociais nos pregos de contratación, unha posibilidade permitida pola Lei no artigo 150 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público.
– Porque establece rigorosos mecanismos de control e consecuencias para as empresas que vulneren as obrigas sociais.
– Porque non permite unha baixa desproporcionada ou anormal na oferta económica a costa de reducir os custes laborais.
– E porque esixe ás empresas que, ante posibles cambios nas relacións laborais, apliquen sempre o convenio máis favorecedor para os traballadores.

Por un emprego de calidade
A Deputación aplica este modelo de contratación socialmente responsable porque aposta por un emprego de calidade e porque así blinda ós traballadores das firmas que prestan un servizo a esta institución, pois esixe por escrito como condicionante que se garantan durante toda a relación contractual, tanto o número de empregados, como as súas condicións laborais, tipo de contrato e soldo.
Deste xeito, o organismo lugués impide que algunha empresa aproveite e se escuse en leis tan nefastas como a reforma laboral do Goberno central para vulnerar os dereitos dos traballadores en favor de despedimentos en precario ou baixadas de soldo.

Exit mobile version