Site icon Crónica3.com A Mariña

Bota a andar o proxecto de construcción da nova escola infantil de Burela con 41 prazas

140428 burela 05xBurela, 28 de abril de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, desprazou este luns a Santiago de Compostela para manter unha xuntanza coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Tragsa está a elaborar o proxecto de construción da nova escola infantil do municipio que se levantará no solar co que xa conta o Concello. Este foi un dos asuntos abordados ao igual que a posible ampliación do centro de día para discapacitados intelectuais da Fundación Eu Son e a construción dunha residencia para persoas con discapacidades intelectuais, un proxecto de hai anos que o Concello pretende retomar agora. González Barcia valorarou de xeito positivo a celeridade coa que foi recibido por Beatriz Mato para falar de todos estes asuntos de sumo interese para Burela e para o seus cidadáns.

O rexedor explicou que “un dos asuntos que estivo enriba da mesa é o da nova escola infantil, que vai ter 41 prazas e o Concello de Burela ten asinado un convenio coa Xunta de Galicia, como xa é sabido, para a súa construción. En principio a día de hoxe e logo da aprobación definitiva do plan xeral de ordenación municipal o Concello de Burela conta cunha parcela, que xa está fixada no propio plan xeral para uso dotacional exclusivo para unha nova escola infantil e os trámites para a súa adquisición van comezar en breve”. González Barcia subliñou que “de feito xa mantivemos conversas cos propietarios do solar e nestes momentos, por encargo da Consellería de Traballo e Benestar, xa se está elaborando o proxecto construtivo do que será a nova escola infantil municipal do noso concello, que vai contar con 41 prazas e que, de non haber ningún impedimento, vaise construír nun solar, que é solo dotacional, situado na rúa Circunvalación e nas proximidades da vía de Feve”.

Ampliación do centro de día da Fundación Eu Son
No encontro celebrado esta mañá en Compostela entre Beatriz Mato e José Mª González Barcia “outro asunto que estaba enriba da mesa é a posible ampliación do centro de día de discapacitados intelectuais da Fundación Eu Son, que ten uns locais cedidos polo Concello na rúa Suafonte. Precisamente nese mesmo baixo estaba instalado o centro de formación ocupacional para persoas desempregadas, que está agora ocupando os locais que o Concello ten nas inmediacións do parque de Tíjola. Polo tanto en Suafonte quedan locais libres”.

O rexedor burelés indicou que “a petición da propia Fundación Eu Son o Concello está estudando a posibilidade de ampliar as instalacións do centro de día para persoas con discapacidade intelectual. Pero nin a fundación nin o Concello temos suficientes recursos económicos para proceder a unha ampliación, que nosoutros en principio consideramos positiva e polo tanto propúxoselle á conselleira ver as posibles vías de colaboración entre a Consellería, por un lado, e o Concello e a Fundación Eu Son, polo outro, para poder levar a cabo esa ampliación. Non tería porque ocupar obrigatoriamente todos os locais que o centro de formación ocupacional para desempregados ten deixado libres, pero que evidentemente en caso de que se vexa que poden ser precisos optariamos por ocupar os que sexan necesarios”.

González Barcia contou que “Beatriz Mato ve ben a ampliación do centro de día para discapacitados intelectuais da Fundación Eu Son porque entende que se está facendo unha labor moi interesante dende a fundación e dende o propio Concello. De feito quedaron canles de comunicación abertos entre os técnicos e os responsables políticos da Consellería coa concelleira delegada de Servizos Sociais, Diana Durán, para acabar de perfilar todas esas posibles vías de colaboración que se abren entre a Xunta e o Concello de cara a unha posible ampliación deste centro de día”.

Intención de retomar un antigo proxecto
Finalmente o alcalde burelés manifestou que “esta mañá analizamos un terceiro asunto, que no seu día xa se propuxera por parte do goberno do Partido Popular cando estivemos no Concello na nosa anterior etapa, que é a posible construción dunha residencia para persoas con discapacidade intelectual. Nese sentido somos plenamente conscientes de que a situación económica evidentemente é moi complicada e hoxe en día facer calquera investimento que teña seis cifras ou máis é difícil. Pero nós expuxémoslle a idea que xa tiña o goberno do PP no seu momento, mostrámoslle o proxecto que xa nosoutros redactáramos e comezáramos a tramitar coa Xunta e que despois os gobernos bipartitos, tanto da Xunta como do Concello, paralizaron”. Para José Mª González Barcia “aquí ocorre exactamente o mesmo que no caso da ampliación do centro de día para discapacitados: imos ver que capacidades reais hai de asumir esta obra e de establecer marcos de colaboración, porque aquí estamos falando dunha inversión de seis cifras ou incluso superior, que loxicamente na situación en que estamos entendemos que é sumamente complexo sacala adiante. Pero se non movemos os temas nunca sairán adiante”.

O rexedor engadiu que “sendo conscientes da dificultade económica e tamén de que os asuntos hai que movelos no caso deste tema, que nosoutros levábamos no noso programa electoral dentro do apartado de servizos sociais, vamos empezar a movelo porque entendemos que é unha idea que, coa súa complexidade, pode ser perfectamente factible. Pode levar tempo sacalo adiante, pero exactamente igual que o logramos noutras cuestións creo que esta hoxe bota de novo a andar. Nese sentido, exactamente igual que no anterior, dende a Delegación Municipal de Servizos Sociais vaise ter un contacto permanente coa Consellería de Traballo para ver que fórmulas temos de establecer de cara a unha colaboración para que isto empece a tomar corpo”.

Tanto o alcalde burelés coma a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, valoraron de xeito positivo a xuntanza mantida hoxe coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar é Roberto Rodríguez: “temos que agradecer a celeridade coa que a propia conselleira nos ten recibido, porque a entrevista solicitouse a principios da semana pasada, e agradecer tamén a receptividade e o grao de compromiso establecido entre a conselleira e o seu departamento co Concello de Burela”.

Exit mobile version