Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acomete a limpeza das praias de cara á Semana Santa

Burela, 8 de abril de 2014. O Concello acometerá a partires deste mércores a limpeza das praias para telas no mellor estado posible en Semana Santa, unha época que pouco a pouco vai collendo relevancia en Burela polas propias celebracións e pola afluencia de visitantes.

A concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, afirmou que “estes traballos consistirán en facer unha limpeza inicial a fondo, que se espera remate en dous ou tres días, e despois mantelas durante a época vacacional. Dos traballos encargarase a empresa que fai a recollida de lixo e a limpeza viaria, Celta Prix”.

López Eijo asegurou que haberá atención preferente para A Marosa e a praia de Portelo, “por ser as máis visitadas, aínda que non se descoidarán ningunha das outras tres: Ril, Penaoural e O Cantiño”.

Igualmente, Patricia López manifestou que nos últimos días operarios de Celta Prix están a levar a cabo unha roza da práctica totalidade do barrio de Vila do Medio: “había algunha zona que comezaba a presentar abundancia de maleza, e optamos por facer estes traballos de inmediato”.

A responsable de Medio Ambiente asegurou que “nas vindeiras semanas se irán rozando outras zonas de Burela, como se ven facendo habitualmente”.

Exit mobile version