Tras a perda dos tres puntos e o liderado na pista do Atlético de Madrid Navalcarnero, o cadro de Quico Otero amósase moi motivado con este compromiso: “O máis saudable é competir enseguida, ter novas esixencias rapidamente para sobrepoñerse do resultado en contra de liga e seguir pelexando porque aínda quedan moitos puntos en xogo” dicía con optimismo o técnico, con palabras de agradecemento ademais para o máis de medio cento de seareiros que se desprazou a Madrid o sábado: “Quedamos sorprendidos e felices; animaron en todo momento e déronnos grandes mostras de apoio ao final; tan só esperamos demostrar a nosa gratitude con resultados”.
“Esta é unha competición moi importante e debemos estar plenamente involucrados. Medímonos a un rival moi perigoso na casa, que está deixando poucos puntos en liga na súa pista. Teremos que ter paciencia porque seguramente o Cidade nos esperará pechado agardando un erro noso e debemos ter especial coidado cos seus puntos fortes, os balóns verticais, os desprazamentos longos de esférico e o xogo en área contraria” adiantaba así a lectura do partido Quico Otero.
As mariñás porán rumbo a terras ourensás mañá ás 15.30 horas. Lidia e Peque viaxan con pequenas molestias, Daniela chegará algo minguada por unha escordadura de nocello sufrida en Navalcarnero e Maite plantarase en plena recuperación do ton físico, despois de disputar os primeiros minutos ante o Atlético tras unha lesión que a tivo afastada case dous meses da competición.
Final masculina
O Burela FS Pescados Rubén xa coñece o seu rival da gran final; será o Santiago Futsal, que venceu onte en semifinais o Cidade de Narón, por un axustado 2-3. Os laranxas conseguiron o billete para a cita decisiva despois de impoñerse en Vista Alegre ao actual campión, Azkar Lugo, por 1-0.
*Foto: A Caixa Escura Producións