Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Saúde A Mariña manifesta a súa oposición ao peche de 30 camas durante o verán e reclama a contratación de persoal das listaxes

A CIG-Saúde A Mariña considera que o peche de camas durante o verán no Hospital da Costa carece de calquera xustificación técnica posíbel e que tan só obedece a “unha política sanitaria neoliberal do Partido Popular que busca o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca”.

Dende a Federación da CIG afírmase que o peche de camas forma parte do conxunto de políticas que o PP está a pór en práctica para desmantelar o sistema sanitario público “en beneficio do gran capital e da medicina privada situada nas grandes cidades; unha ofensiva recentralizadora que afasta en vez de achegar, a sanidade pública á cidadanía”.

O peche de camas no Hospital da Costa provocará un deterioro da saúde e o incremento das listas de espera cirúrxicas, de consultas e de realización de probas diagnósticas. “Pechar camas e diminuír a actividade non é nin de lonxe unha boa xestión, simplemente é unha medida dun mal xestor que vai privar de asistencia sanitaria programada durante o verán aos mariñaos e mariñás”.

O Sergas, pola súa banda, xustificou o peche de camas durante o verán co argumento de que as camas en funcionamento serán as suficientes para atender a demanda. Para a CIG-Saúde A Mariña trátase dunha curiosa afirmación, pois “os centros sanitarios non funcionan só a demanda, a maioría da actividade é programada e coa particularidade engadida dunha comarca, A Mariña, onde a poboación aumenta durante os meses estivais ao ser un lugar de referencia turístico.”

Máis desemprego no sector sanitario
A maiores, dende a CIG-Saúde denúnciase que co peche de camas e a non substitución do persoal no período vacacional, “o Sergas está a incrementar o paro sanitario da nosa mocidade na comarca, condenando aos/ás aspirantes das listas de contratación ao drama do desemprego, tendo como consecuencia directa un impacto na economía real desta comarca, porque hai que lembrar que o Hospital da Costa é o segundo centro de emprego da Mariña”.

Por todo isto, a CIG-Saúde A Mariña “esixe á Xerencia Executiva do Hospital da Costa a apertura de todas as camas e a contratación de persoal para ofrecer unha atención sanitaria de calidade e de proximidade tanto no Hospital da Costa como nos Centros de Saúde e PAC´s da nosa comarca”.

Exit mobile version