Site icon Crónica3.com A Mariña

Dobre celebración en Alfoz con motivo do Día do Libro

O vindeiro día 23 de abril celébrase o Día do Libro e no concello de Alfoz celébrase por partida dobre.

O día 23 de abril o Departamento de Educación do Concello de Alfoz organiza unha divertida actividade para os alumnos do Colexio de Primaria “Castro de Ouro”. Será no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz, ás 15,00 horas. O espectáculo leva por título “Catalina Lino Lina” e está dirixido a rapaces de 3 a 12 anos. Trátase dunha obra teatral coa que se transmite ós espectadores o amor polos libros. Catalina Lino Lina vive dentro dun libro, agardando a que alguén o abra para cobrar vida, pero como ninguén o abre, ela decide escapar do libro para correr aventuras. Trátase dunha actividade subvencionada polo programa “Ler conta moito”.

Por outra banda, o día 26, sábado, ás 20 horas, e organizada polo Departamento de Cultura do Concello de Alfoz, tamén no Salón de Actos da Casa da Cultura, presentarase a representación “Mercados Revoltos”, que correrá a cargo do grupo de teatro xuvenil “Érase unha vez”, de Mondoñedo, baixo a Dirección de Esther Otero. A obra trata sobre o mercado que se celebra habitualmente na praza da cidade episcopal e das leas que se organizan entre os veciños que acoden a ese mercado.

Exit mobile version