O 1 de maio é historicamente unha data reivindicativa. A ampliación de cotas de benestar e liberdade veñen da man da participación da sociedade, nada é regalado. As datas referenciais como esta deben conservar o sentido da participación cidadá na esixencia e construción dunha sociedade mellor, e a unidade debería ser a súa base fundamental. Non hai motivos que impidan compartir o mesmo espazo reivindicativo das plurais propostas liberadoras e transformadoras. Na actual situación histórica, a defensa dos valores comúns debería estar por riba das diferenzas vistas dende o interior de cada sigla.
Máis a defensa do benestar debe actualizar o seu discurso. Máis que nunca debemos ter clara a diferenza entre “emprego” e “traballo”, para poder manter a reivindicación do traballo humano como un elemento contributivo da liberación individual e o progreso social, máis alá das condicións de escravitude ao que cada vez máis o somete un ríxido mercado do “emprego”.
A Renda Básica: de utopía liberadora a dereito humano
O dereito a unha vida digna é un dereito humano que non debe estar condicionado ao cumprimento de requisitos previos, inherente ás persoas e inalienábel da súa existencia. A Renda Básica permite ás persoas tomar as súas propias decisións sen estar sometidas á necesidade de vender a súa forza de traballo en condicións inaceptábeis.
No século XXI estase a consumar un cambio de paradigma: dun capitalismo baseado na produción pásase a outro centrado na especulación. O traballo mercantilizado está a ser banalizado polo seu descenso no peso que ten na economía dos países fronte do capital financeiro. Ao tempo, as innovacións técnicas e científicas están a determinar novos sistemas de produción. A isto se une o esgotamento dos recursos naturais e da capacidade do planeta de absorber unha produción crecente. Estes factores están a condicionar unha imparable diminución da forza do traballo que aínda se reducirá máis no futuro.
O factor traballo cada vez “custa” menos e “págase” máis barato e en peores condicións. As persoas ven devaluado, no intercambio económico, o único que poden ofrecer: o seu traballo. Deste xeito, o ser humano redúcese a un “produtor” de traballo, que cada vez é máis depreciado. A cantidade de persoas desempregadas reforza a depreciación do valor de traballo, e dificulta a emerxencia de novas propostas emprendedoras.
Por outra banda, o traballo remunerado non é unha actividade liberadora ou emancipadora das persoas: é unha obriga que, tal e como está o sistema económico, pouca xente pode cumprir, e as persoas que a cumpren poden ser incluso traballadores/as pobres. O traballo así concibido non alenta as potencialidades da persoa e as retribucións non están axustadas ás súas necesidades nin ao verdadeiro valor do producido.
A Renda Básica Universal Individual Incondicional e Suficiente garante un nivel de vida adecuado que permita asegurar a alimentación, o vestido e a vivenda dentro dun Estado que se considera democrático, social e de dereito. Espazo considera a renda básica universal como a ferramenta máis eficaz para erradicar a pobreza. Asemade, diferentes estudos sobre renda básica amosan que esta incentiva o traballo e favorece o emprendemento, a diferenza doutros subsidios actuais do Estado do Benestar.
É posible a Renda Básica?
Si, a Renda Básica é posible cunha reforma da política fiscal distributiva e co aforro noutro tipo de axudas que xa non serían necesarias por ser redundantes.
Actualmente as rendas do traballo representan o 45% do PIB en España, pero achegan o 80% dos ingresos mediante impostos. Mentres tanto, o tipo efectivo do Imposto de Sociedades que as grandes empresas pagan polo seus beneficios sitúase no 3.5%, lonxe do teórico 30% ao que están obrigadas. Asemade, o uso das SICAV polas grandes fortunas fai que sexan quen de só pagar o 1% en tributos. A isto, engádese un fraude fiscal que en España se estima nun case 25% do PIB, polo que esta representaría aproximadamente 90.000 mil millóns anuais.
Estes datos amosan un nivel de riqueza real da sociedade que posibilita a implantación da renda básica universal, que contribuirá a mellorar o reparto da riqueza e a distribución da renda.
Iniciativa Lexislativa Popular por unha Renda Básica
Espazo Ecosocialista Galego apoia a ILP polo Dereito á Renda Básica presentada no Congreso dos Deputados o 15.01.2014 e que foi admitida a trámite o 14.03.2014. A ILP propón establecer como dereito de toda persoa, polo feito de ter nacido, a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas. A Renda Básica constitúese un dereito individual, universal e incondicional. A contía proposta da renda será de 645,43€ mensuais, cantidade equivalente ao umbral da pobreza.
A ILP propón unha implementación gradual da Renda Básica e establece dúas fases. Unha primeira fase entrará en vigor de forma inmediata tras a aprobación da Lei e afectará a todas as persoas domiciliadas no Estado Español que non teñan cobertura por desemprego e non dispoñan doutros ingresos e a todas aquelas persoas cuxas rendas sexan inferiores a cuantía da renda básica. Na segunda fase, regularase a extensión da Renda Básica como dereito universal, integrando ao resto de persoas.