Lugo, 28 de Abril de 2014. As campañas de saneamento gandeiro son programas de control, vixilancia e erradicación de enfermidades que poden afectar ás especies gandeiras con grave incidencia na súa capacidade reprodutiva, na libre comercialización dos animais, nas súas producións e cunha importante repercusión na saúde pública. Este saneamento, que se realiza ao total da cabana bovina galega e que é importante para detectar posibles enfermidades, trátase dun programa asentado con máis de 30 anos de historia.
Esta campaña 2014, que aínda está dando os seus primeiros pasos, está levantando gran preocupación nas explotacións de vacún galegas, o motivo é o alarmante, e aparentemente inxustificado, número de positivos na proba preliminar empregada para a deteción da tuberculose e que provoca grandes perxuicios nas explotacións gandeiras.
No caso de que apareza algún positivo provisional no caso da tuberculose, por unha parte toda a cabana gandeira inmobilízase temporalmente agás para sacrificio, e por outra, dependendo da intensidade da afección detectada, teñen que sacrificarse animais. Neste caso, as reses unha vez mortas, faiselles outra prova confirmatoria, pero acontece que, nos resultados confirmatorios que se fan unha vez sacrificada a res, sobre o 95 % resultan finalmente negativos.
Desde FRUGA comprendemos que, en caso de detectarse unha enfermidade que se poida contaxiar dun animal a outro, o máis positivo é sacrificalo, pero non comprendemos que se teñan que sacrificar animais dos que non se ten a certeza que están enfermos. A Xunta de Galiza é a responsable de que se cumplan todas as garantías e de que se empreguen os métodos máis fiables e correctos, esas garantías tamén deben telas os propios/as gandeiros/as antes de sacrificar os seus animais.
Seguiremos atentos ao que aconteza nesta campaña de sanemento ao tempo que esperamos expliacións por parte da consellería do medio rural desta problemática.