Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia manterá o luns unha reunión con López Abella sobre a vivenda que o Concello prevé destinar a emerxencia social

Burela, 23 de abril de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, manterá o luns 28 de abril un encontro en Santiago coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, co obxectivo de fixar os protocolos de uso da vivenda que o Concello prevé destinar a emerxencia social. Por outra banda, Barcia indicou que a mediados de maio poderían ser entregados ás asociacións os catro locais habilitados noutra vivenda dos mestres do CEIP Virxe do Carme.

O rexedor explicou que “na obra que se fixo co obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove reformamos dúas das vivendas dos mestres do CEIP Virxe do Carme. Unha delas destínase a locais para asociacións e de feito confiamos en entregar estes locais, que xa teñen solicitantes, na segunda quincena de maio”. González Barcia sinalou que “aí hai catro locais para asociacións e todos eles xa teñen solicitantes e adxudicatarios. Quedan pequenos detalles por facer, como enganches de auga e de luz. Isto é unha forma de axudar ás asociacións a poder desempeñar as súas actividades. Son moi poucos os colectivos de Burela que teñen locais propios. Todas as dependencias que hai para asociacións na antiga praza de abastos están ocupadas e coa adecuación desa vivenda conséguense catro locais máis”.

O alcalde burelés sinalou que “a segunda vivenda queremos destinala a emerxencia social. Por exemplo, algún caso de violencia de xénero podería atenderse alí, tamén podería servir para un caso puntual dun deshaucio, pero sempre contando co informe preceptivo dos servizos sociais municipais e da Xunta de Galicia. Esta vivenda está case lista, pero faltan uns detalles”. Para concretar o uso e a posible execución dos mesmos o rexedor manterá o vindeiro luns, 28 de abril, unha entrevista en Santiago coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. “Xa faláramos deste tema, pero agora que as obras acabaron e sabemos os detalles que quedan por executar, temos a idea bastante clara do que queremos facer con esta vivenda e entonces pedimos esta reunión para concretar os detalles. Confiamos en que desde a Xunta de Galicia se nos poida botar unha man, a pesar de que a situación económica non é boa, para ultimar estes detalles e fixar criterios e protocolos para uso da vivenda”, engadiu José Mª González Barcia.

O rexedor lembrou que “o obradoiro de emprego que desenvolvemos xunto con Xove e Cervo foi de grande utilidade para o Concello e para os cidadáns, porque, aparte de crear en Burela 9 postos de traballo e en total 27 durante seis meses, a actuación que se fixo foi importante e moi beneficiosa para os intereses municipais e dos cidadáns. Escollemos este tipo de obras porque se trata de actuacións dun forte contido social, que nestes momentos é onde as administracións públicas temos que facer máis fincapé”.

Exit mobile version