Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG asegura que os datos económicos e de emprego avalan que o sector pesqueiro é un dos sectores de maior xeración de riqueza na comarca e na provincia

A Mariña, 2 de abril de 2014. O BNG da Mariña valorou os datos publicados recentemente do informe Ardán da zona franca de Vigo sobre as empresas con maior facturación e sinalan que dan boa mostra do que supón este sector para A Mariña. Non é casual que, entre as dez empresas de maior facturación da provincia, aparezan tres directamente vinculadas co sector pesqueiro.

Os nacionalistas sinalan que, neste informe aparecen as empresas Porto de Celeiro, Absa e Pescados Rubén entre as dez empresas de maior facturación da provincia superando os 200 millóns de euros de facturación entre as tres. Pero aínda que non estean neses datos de facturación, existe gran cantidade de empresas que viven directamente da capacidade que teña o sector da pesca para xerar riqueza.

Neste sentido, o BNG sinala que as medidas que se adoptan na UE ou no goberno español e que afectan aos nosos barcos, teñen incidencia directa en toda a comarca, polo volume económico que supoñen e polo emprego que se xera ao seu arredor. Por iso, “pretendemos ampliar a visión do encontro que celebramos o sábado. Non é só un encontro para o sector pesqueiro extractivo, senón un encontro no que analizar o que supón a pesca na comarca e a necesidade da súa defensa como medio fundamental de vida para a comarca.”

Segundo os datos que manexan os nacionalistas, só as lonxas de Burela e Celeiro, pola súa actividade de venda de peixe fresco, facturan máis de 100 millóns de euros; sendo as de maior facturación do territorio de Portos de Galicia.

Outro dato que a formación frontista destaca é a incidencia no emprego do sector. No último ano, as afiliación no réxime do mar (onde só aparecen os traballadores embarcados) oscilan entre as 1.500 e as 1.600 persoas, cunha perda constante de afiliación nos últimos anos. Pero ademais deste dato xa relevante por si mesmo, é importante sinalar que todos os estudos calculan que por cada emprego no mar supón entre 3 ou 4 empregos vinculados en terra; polo que o sector pesqueiro estaría xerando, entre emprego directo e indirecto, máis de 5.000 postos de traballo; co que iso supón nunha comarca como A Mariña con evidentes problemas de desemprego.

Exit mobile version