Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz demanda rebaixar o IVE das perruquerías

Foz, a 23 de abril de 2014.- O BNG de Foz presentou unha moción para este pleno para pedir a rebaixa do IVE no sector de peiteado e estética. O sector de perruquerías, entre outros, veuse prexudicado pola aplicación do Real decreto lei 20/2012, de 13 de xullo, acordado polo goberno do PP no Estado español, que modificou o seu carácter de sector beneficiado pola aplicación dun IVE reducido, pasando do 8% que se aplicaba até o desorbitado imposto do 21%.

Este sector, de importante actividade económica, xera moitos postos de traballo e posúe un gran dinamismo. Nestes momentos o sector encóntrase lastrado non só polas consecuencias da profunda crise económica senón pola medida antisocial adoptada polo goberno do PP de incrementar o IVE abusivamente, unha medida que as persoas deste ámbito laboral padecen desde hai case dous anos. Ademais hai que pensar que temos dentro do mapa de ensino da formación profesional un Ciclo Medio de Perruquería na Mariña, co que as persoas que rematan os estudos e saen preparadas profesionalmente teñen moitas dificultades ao final para traballar nalgunha perruquería ou salón de beleza ou poñerse como autónomas montando o seu propio negocio.

O BNG xa presentara no Congreso dos Deputados unha iniciativa o 11 de setembro do ano 2012 para manifestar a súa oposición a aquel incremento brutal do IVE no referido aos salóns de peiteado e agora, neste mes de marzo, volvemos novamente a manifestar a nosa oposición a esta medida e a demandar do goberno do PP no Estado español a rebaixa do IVE. Facémolo tal como demanda o sector e as traballadoras e traballadores que se ven afectadas por este drástico imposto e que están a manifestar nas rúas as súas protestas e a reivindicación de rebaixar o imposto do 21%.

A gravidade do feito está a provocar o peche de moitos estabelecementos, a perda de postos de traballo e a perda de clientes pola contención do consumo pola forte suba final do prezo nas perruquerías.

As nefastas consecuencias económicas dese aumento porcentual do 13% do IVE nesta actividade xa levaron a persoas afectadas pola medida a manifestaren o seu malestar en varias cidades como A Coruña, Vigo, Lugo ou Ourense, coa entrega de sinaturas nas delegacións da Axencia Tributaria en contra do 21% do IVE.

O sector, desde o primeiro momento, tomou a decisión de asumir o IVE sen repercutilo na clientela, unha decisión que finalmente tivo o efecto perverso de provocar o peche de centos de salóns de peiteado e estética, coa conseguinte eliminación de centos de postos de traballo, que afecta ademais a un sector formado na súa maioría por persoas autónomas.

Este feito provocou tamén o aumento exponencial da economía somerxida e aqueles que aplican o desmesurado IVE do 21% acaban tendo graves problemas económicos, mentres crecen os negocios ilegais de ámbito doméstico. En resumo, hai que cuestionar a pretendida recadación por IVE, xa que por unha banda pechan estabelecementos e pola outra medra a economía somerxida.

Segundo os datos do sector, o pasado 2013 pecharon 8.000 salóns de perruquería e estética no conxunto do Estado español, e as previsións indican para este ano preto de 6.000 negocios.

Para alén disto, as ameazas que desprende o informe de reforma fiscal do chamado comité de expertos auguran o intento de novas subas do IVE de até o 23%.

Tamén hai que lembrar que o IVE reducido neste sector comezou a aplicarse con carácter inicial experimental e temporal no ano 2000, tras modificar a lei do Imposto sobre o Valor Engadido e, despois de sucesivas prórrogas, rematou por se converter en definitiva no ano 2010.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:

1. Instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado a rebaixa do IVE do 21% que actualmente se aplica ao sector comercial dos salóns de peiteado, debido ás negativas consecuencias xeradas pola aplicación do Real decreto 20/2012, de 13 de xullo, que provocou o peche de miles de estabelecementos e a perda de miles de postos de traballo.
2. Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, presidente do goberno do Estado e grupos parlamentares do Parlamento de Galiza.

Exit mobile version