Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove define como unha “acción maliciosa” que os concelleiros do PP xustifiquen os seus soldos exuberantes con mentiras

O voceiro municipal do grupo nacionalista en Xove, Marco López, presentou no debate plenario celebrado hoxe ás 10:30 horas o ROGO que segue:

Que desde o goberno municipal do Concello de Xove se deixe de faltar á verdade en relación ás continuas manifestacións por parte da alcaldía xustificando o seu salario no feito de que “os do Bloque votaron a favor” cando se aprobou. Para este fin, e debido a que non sabemos se isto responde a un episodio de amnesia temporal ou a unha acción maliciosa, transcribimos literalmente a intervención deste grupo municipal no pleno celebrado o 17/06/2011 e que consta na acta que se levantou ao efecto:

«…que o BNG considera totalmente excesivas as (catro) dedicacións que se propoñen, tendo en conta as características do Concello de Xove, como poden ser o seu número de habitantes e a plantilla de persoal de que dispón o Concello, e mesmo tendo en conta unha análise comparativa coa xestión de Concellos limítrofes ó de Xove. Neste sentido, o BNG considera que dúas dedicacións exclusivas son máis que suficientes para xestionar correctamente a administración municipal.

Remata a súa intervención o Sr. López Hermida, sinalando que a súa intervención refírese única e exclusivamente ó número de adicacións exclusivas que se propoñen, xa que a contía das retribucións que se pretenden cobrar polos concelleiros liberados, é unha cuestión de ética política, e mesmo persoal do Partido Popular e de cada un dos concelleiros afectados.

Polo Sr. López Hermida sinalase que as xustificacións do Sr. Alcalde son admisibles e razoables, pero no fondo fan dubidar das promesas de austeridade que día tras día están a proclamar os dirixentes do Partido Popular.»

Exit mobile version