PP E PSOE SON CÓMPLICES DAS POLÍTICAS IMPOSTAS POLA UE E A TROIKA CONTRA AS MAIORIAS SOCIAIS
Para o BNG non podemos ficar caladas e calados mentres as políticas impostas pola Troika, co visto e prace antes do goberno estatal do PSOE e agora do PP, mesmo tamén da propia Xunta de Galiza co Sr. Feijoo á fronte, aplican sen contemplacións unha política económica letal para as maiorías sociais ás que condena ao paro e á emigración, recorta dereitos laborais e sociais ou aniquila servizos básicos como ensino e sanidade pública co argumento da austeridade que non lle aplican á gran banca e ás grandes corporacións económicas, ás que salvan con diñeiro público e entregan o negocio da privatización do ensino ou a sanidade pública.
ENCONTRO CON COLECTIVOS DE EMIGRANTES RETORNADOS ESTE XOVES EN LUGO
Dende o BNG puxeron o exemplo dos emigrantes retornados aos que dende a administración de facenda do estado se lles aplican sancións e intereses de demora por non ter feito declaracións de ingresos procedentes do estranxeiro que a propia facenda lles recomendou non facer.
A organización nacionalista quixo deixar claro que, nin PSOE nin PP están libres de responsabilidade no saqueo ao colectivo de emigrantes, xa que os primeiros modificaron a lexislación tributaria e os segundos aplicárona sen aviso previo co que moitas persoas se sentiron estafadas e enganadas.
A candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, Manterá un encontro o próximo xoves, 24 de abril ás 18:30 no Salón de Actos da Casa Sindical de Lugo, con colectivos de emigrantes retornados de toda a provincia no que comprometerá, unha vez mais o apoio do BNG a este colectivo cuxos problemas serán cuestión de debate no Parlamento Europeo. O BNG non contempla outra solución para este colectivo que o cese da persecución exercida pola Axencia Tributaria, o remate das sancións e intereses de demora e a devolución do recadado indebidamente tal como xa se está producindo na vía xudicial.