Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG informou en Burela sobre as alternativas do BNG perante os vindeiros comicios europeos

A Mariña, 25 de abril de 2014. O BNG reclama representación e capacidade de negociación política directa para poder defender os intereses pesqueiros galegos, a isto chamámoslle soberanía e dereito a decidir sobre os nosos propios intereses. A fronte nacionalista critica o reparto de fondos estruturais desde Madrid e con criterios que en nada benefician aos recursos produtivos galegos. Destacan que a participación galega neste fondos é moi inferior ao peso do sector en Galiza e que estes, en boa parte, foron destinados ao seu desmantelamento.

No ámbito institucional, o BNG reclamará estabelecer un novo estatus institucional para Galiza na UE en materia pesqueira, recoñecendo formalmente o seu carácter como “Zona Altamente Dependente da Pesca”, e posibilitando a súa presenza, con dereito de decisión e obxección, nas institucións comunitarias onde se adoptaren decisións en materia pesqueira.

Defenderanse as competencias da Galiza en materia pesqueira, en ámbitos como o comercial, na determinación de tallas mínimas, artes, capacidade inspectora, ou na fixación de áreas de veda no noso litoral. Reclamarase a derrogación do “Principio de Estabilidade Relativa”, que consagra a discriminación da nosa frota en augas comunitarias, nomeadamente no Gran Sol, e a erradicación dos privilexios que benefician a determinados estados.

Canto aos fondos estruturais, o BNG defenderá, entre outras medidas, a existencia de fondos que permitan:

• A renovación da frota pesqueira, a súa modernización, nomeadamente na frota de baixura, para a súa consolidación e a mellora das condicións de traballo, habitabilidade e seguranza a bordo.

• Reclamarase o acceso a fondos vinculados á mellora do marisqueo, saneamento, depuración, recuperación de zonas de produción e das poboacións do litoral.

• Apoio á pesca artesanal, que quedará exenta dos TAC que se aplicaren ao resto da frota. O seu papel é primordial pola utilización de artes selectivas.

• Canto á regulación dos mercados, defenderase un escrupuloso control das importacións, especialmente ante as prácticas de “dumping” e competencia desleal cos produtos pesqueiros e marisqueiros galegos, co obxectivo de acadar a estabilidade de prezos. Ademais a etiquetaxe de todos os produtos procedentes do mar debe identificar a súa orixe de maneira que se poida identificar a zona específica de captura, tanto nos frescos como nas conservas, conxelados e procesados.

En definitiva o BNG considera que sector pesqueiro galego continúa unha situación de discriminación, formalizada e institucionalizada na Política Común de Pesca (PCP). Normas discriminatorias como o Principio de Estabilidade Relativa continúan vixentes e padecemos medidas coercitivas día tras día: imposibilidade de pescar determinadas especies; despezamentos; cota da xarda. A presenza do BNG no Parlamento Europeo debe ser o garante para rematar con esa historia de marxinación, defendendo o principio básico de igualdade para garantir a viabilidade deste sector produtivo.

Exit mobile version