Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presenta as “I Xornadas de Análise e Alternativas do BNG no contexto social e económico actual”

A Mariña, 7 de abril de 2014. Representantes orgánicos e institucionais do BNG en Mondoñedo en Mondoñedo e na Mariña presentaron hoxe as “I XORNADAS DE ANÁLISE E ALTERNATIVAS DO BNG NO CONTEXTO SOCIAL E ECONÓMICO ACTUAL”. Nesta xornada, aberta á cidadanía, preténdese analizar en tres bloques temáticos a situación de degradación dos servizos públicos – sanidade, ensino e servizos sociais – , o impacto en Galiza do modelo social e económico europeo, e a Reforma da Administración Local recentemente aprobada polo goberno do Estado, os seus efectos sobre a capacidade de prestación de servizos polos concellos, o desenvolvemento local e a participación cidadá no ámbito local.

A xornada celebrarase o próximo sábado, 12 de abril entre as 10:30 e as 14:00 hrs. no Salón de Actos do Centro Comarcal de Mondoñedo e pretende, nun formato dinámico e participativo, abrir un diálogo coa sociedade a respecto das temáticas tratadas.

Nas mesas, divididas en tres bloques, participarán persoas vinculadas pola súa actividade, profesional, sindical, política ou social aos temas a tratar, dándolle participación ao público asistente para abrir o diálogo arredor dos asuntos tratados.

A xornada, organizada polo BNG en Mondoñedo e a propia organización comarcal, tratará a situación de degradación dos servizos públicos en xeral, asfixiados pola doutrina da austeridade impulsada polos gobernos galego e estatal que seguen ao ditado as instrucións da Troika, nun proceso planificado de destrución do estado social, para entregar en mans de intereses privados dereitos básicos e fundamentais como o ensino, a sanidade ou os servizos sociais.

En relación ao modelo europeo, o BNG mantivo historicamente unha postura crítica que o tempo veu demostrando como acertada. Unha UE, antes CEE, que se constrúe ao marxe da sociedade, na que os ámbitos de decisión non son democráticos e mesmo se sitúan fora da propia UE – Troika – , na que Galiza non conta con capacidade para defender ou decidir sobre os seus principais recursos produtivos e mesmo acude sen titubeos aos rescate dos organismos financeiros e grandes corporacións empresariais mentres asfixia ás maiorías sociais recortando dereitos laborais, sociais e servizos públicos, non pode contar co apoio do BNG que combaterá socialmente e coa representación no parlamento europeo este modelo.

Na xornada tamén se tratará a recentemente aprobada, Reforma da Administración Local, como unha ferramenta de centralización e control político que elimina a posibilidade da administración mais próxima á cidadanía – os concellos – de prestar servizos esenciais. Como exemplo contrario porase sobre a mesa , con exemplos prácticos, a capacidade dos concellos para poñer en marcha proxectos de desenvolvemento local, participativos e útiles no campo económico e de xeración emprego.

A xornada estará formada polas seguintes mesas e ponencias:

I XORNADAS DE ANÁLISE E ALTERNATIVAS DO BNG NO CONTEXTO SOCIAL E ECONÓMICO ACTUAL

Mondoñedo, 12 de abril de 2014.

Salón de Actos do Centro Comarcal

10:55 h. – Saúda do alcalde de Mondoñedo, Orlando González Cruz.

11:00 h. – “Os servizos Públicos como ben imprescindíbel nunha sociedade xusta e desenvolvida ”

Presenta e modera: Eloi Cabanas – Responsábel local do BNG en Mondoñedo

· A degradación da sanidade pública como fin para a súa privatización.

Víctor Vila – Membro da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña.

Montse Prado Cores – Deputada no Parlamento Galego para asuntos sanitarios

· O ensino público como garantía de desenvolvemento social.

Elvira Lombao Vila – Plataforma Galega na Defensa do Ensino Público

· Servizos Sociais públicos

Xosé Igrexas García – Concelleiro en Melide, ex – Técnico de Coordinación do 2º Plan Galego de Inclusión Social.

11:45 h. Coloquio

12:00 h. O impacto en Galiza do modelo económico e social da UE e o soberanismo como alternativa.

Presenta e modera : Ana Ermida Igrexas – Responsábel Comarcal do BNG na Mariña

Bernardo Valdés : Profesor de Economía aplicada da USC no Campus de Lugo

Ana Miranda Paz: Eurodeputada e candidata do BNG ao Parlamento Europeo

12:45 h. Coloquio

13:00 h. Alternativas de desenvolvemento local e participación cidadá nos concellos galegos. Reforma da Administración Local, ruína para a cidadanía.

Xusto Fernández Haro – 2º Tte. de Alcalde de Mondoñedo

Francisco García Suárez – Alcalde de Allariz

13:45 h. Coloquio

14:00 h. Conclusións e peche: Orlando González Cruz: Alcalde de Mondoñedo.

Exit mobile version