A Mariña, 3 de abril de 2014. O BNG puntualiza que a baixada nos datos de desemprego publicados esta semana son relativos na comarca mariñá, onde seguen buscando emprego mais de 5.600 persoas. A formación nacionalista fai fincapé na desaparición das cifras de demandantes de milleiros de mozas e mozos que ou ben volveron aos estudos, si a situación económica familiar o permite, ou directamente tiveron que emigrar na busca de emprego. Neste sentido ofrecen a cifra de mais de 3.000 mozas e mozos de 16 a 34 anos que desapareceron dos padróns municipais da comarca nos últimos catro anos o que da conta dunha situación desesperada na que a mocidade ten que volver á emigración como fixeron milleiros de galegas e galegos en décadas pasadas.
MÁIS DE 3000 MOZAS E MOZOS DA COMARCA DESAPARECERON DOS CENSOS MUNICIPAIS NOS ÚLTIMOS CATRO ANOS
O BNG vinculou a desaparición dos padróns municipais da comarca de mais de 3.000 persoas de idades comprendidas entre os 16 e 34 anos a unha fuga masiva de xente moza que busca fora da comarca, de Galiza e mesmo do Estado un futuro mellor do que se lles ofrece aquí. A formación nacionalista destaca a perda de poboación especialmente na franxa dos 25 a 29 anos, por tanto con formación rematada e claramente en idade de traballar que aglutina o 41.5% do total de baixas, segundo os datos estudados o maior volume de baixas nos padróns municipais da comarca foron no ano 2012 co 27% do total e case 3 persoas por día marchando da nosa comarca.
Dende o BNG cualifican de sangría estes datos que demostran a desfeita do tecido socioeconómico da comarca mariñá no que a xente moza xa non confía para labrarse o seu futuro laboral. As e os nacionalistas alertan de que estes datos certifican a falsidade da recuperación laboral e económica promulgada polos dirixentes do Partido Popular que obvian a baixada de persoas demandantes de emprego e mesmo que o escaso número de empregos creados son precarios e de escasa estabilidade.
En relación aos datos oficiais de emprego ofrecidos pola consellaría do ramo, a baixada de pouco mais de 200 persoas nas listas do paro na nosa comarca, seguen sen crearse expectativas que fagan mudar a situación de recesión e só determinados sectores moi concretos, e de maneira estacional, fan recuperar algunha esperanza.
Con todo, dende a formación frontista, felicitan ás pouco mais de 200 persoas que atoparon emprego, pero seguen demandado cambios radicais nas políticas de fomento do emprego por parte da Xunta de Galiza e do goberno do Estado, moito mais preocupados en ambos casos por mellorar os balances económicos das grandes empresas que por garantir a xeración de emprego de calidade que faga recuperar o consumo e dinamice a economía.