Site icon Crónica3.com A Mariña

O colexio Sagrado Corazón de Ribadeo será escenario dun simulacro de incendio este mércores 30 de abril

Ribadeo, 28 de abril de 2014. O colexio Sagrado Corazón será escenario o vindeiro mércores, 30 de abril, a I Xornada Técnica EdcivEmerg, que organiza Educación Escolar en Emergencias coa colaboración de Semas Galicia, Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061 e o Concello de Ribadeo. O evento, que inclúe un simulacro de incendio, foi presentado este luns no salón de plenos da Casa do Concello.

O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “desde o Concello de Ribadeo estamos moi agradecidos de que pensaran na nosa vila e no colexio Sagrado Corazón para facer esta iniciativa, que penso que é novidosa na Mariña e singular aquí en Ribadeo. Para iso contaremos con moita xente, con moitos profesionais mobilizados tanto da Garda Civil, da Policía Local, voluntarios de Protección Civil, todo o persoal do consorcio de bombeiros, etc. Vanlles explicar e van facer unha experiencia cos máis pequenos con aquilo de que máis vale previr que logo lamentar, co obxectivo de que saiban actuar nun momento dun tumulto ou dunha desgraza colectiva”.

O obxectivo desta primeira xornada é ensinar ao alumnados técnicas básicas de primeiros auxilios, rescate de feridos e como actuar ante un lume ou unha inundación.

Suárez Barcia dixo que “como alcalde quero avisar e advertir aos veciños desas rúas céntricas de Ribadeo, que seguramente o día desta actividade van escoitar sirenas, verán coches de bombeiros e da Policía Local entrando na zona cos luces acesas e facendo sonar as súas sirenas. Trátase dun simulacro e non queremos que ninguén se sorprenda si o mércores se producen todas estas incidencias, están advertidos os servizos do 112 de que haberá esta acción para que ninguén se preocupe e esperamos que a xornada se desenvolva de xeito satisfactorio, xa que entendemos que para curso que ven se celebrará tamén no colexio Gregorio Sanz”.

Segundo o plan de traballo da organización o simulacro de incendio no colexio Sagrado Corazón de Jesús terá lugar entre as 15:30 e as 17:00 horas do vindeiro 30 de abril.

No acto de presentación que tivo lugar esta mañá no Concello estiveron xunto a Fernando Suárez, responsables das forzas de seguridade que participarán na acción, o director pedagóxico do colexio Sagrado Corazón, Javier Rodríguez e tamén Camilo Vázquez de Salutrans.

Exit mobile version