Site icon Crónica3.com A Mariña

O comercio de Foz abrirá as súas portas o Xoves Santo pola mañá e pola tarde

Foz, 1 de abril de 2014. Na Asemblea Xeral Ordinaria que onte celebrou a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz acordouse a apertura durante todo o día o vindeiro 17 de abril, xoves santo, así coma prolongar durante un día máis a XII Ruta das Tapas que se celebrará do 17 ao 19 de abril. Desde a directiva de ACIA Foz explican que “nas edicións anteriores a Ruta das Tapas celebrábase o venres e o sábado da semana santa, e neste 2014 será tamén o xoves. Así os que pasan a semana santa entre nós terán tres días para achegarse ata os locais participantes a saborear as súas propostas gastronómicas”.

Outro dos asuntos abordados e acordados foi que o 26 de abril se celebrará a cea de ACIA Foz que servirá para conmemorar o vixésimo sexto aniversario de creación da asociación e para entregar os premios da XII Ruta de Tapas. A directiva subliña que “a cena está aberta aos socios e socias de ACIA Foz e tamén a aquelas persoas, que non sendo socias, queiran estar con nós esa xornada”.

Na asemblea de onte, que rexistrou unha boa asistencia, comunicouse aos asociados que está aberto o proceso para elixir á nova directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz. O 21 de abril será cando se coñecerán os nomes das persoas que a forman.

Exit mobile version