Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Barreiros repartirá 25 composteiros entre interesados en participar na campaña de compostaxe doméstica

Barreiros, 28 de abril de 2014. O Concello repartirá 25 composteiros entre aqueles veciños que estean interesados en participar na campaña de compostaxe doméstica, que se desenvolverá en Barreiros, organizada por Sogama e pola Mancomunidade de Municipios da Mariña.

O concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Gómez Puente, sinalou que “en Barreiros contamos con 25 composteiros que podemos entregar aos veciños interesados en participar nesta actividade medio ambiental e ecolóxica. Consistirá nunha charla durante unha tarde na que un técnico nos explicará como se debe facer o compost, cales son os residuos que se poden empregar para conseguilo: peles de froitas, restos de podas como herba, periódicos, cousas que botamos de xeito habitual no contedor verde”.

O edil popular dixo que “a idea é que a xente interesada se apunte no Concello, ben pasándose por alí ou chamando ao teléfono 982 124 002. Cando consigamos aos 25 interesados faremos a charla e xa a continuación repartiremos os composteiros. O noso obxectivo é poder realizar esa charla o vindeiro mes de maio”.

Gómez Puente indicou que “a compostaxe doméstica contribuirá a que os veciños xeren menos residuos para enviar a Sogama e deste xeito reduciríase a partida que o Concello ten que pagar por esa recollida e ese envío do lixo á devandita planta”. E lembrou que “o lixo que se envía a Sogama ten un custe económico, que agora subiu, aínda que nós non o repercutiremos nos veciños. O que sí temos que facer é reducir a materia orgánica que vai ao lixo. E a compostaxe doméstica é unha forma de conseguilo”.

A compostaxe doméstica está destinada a aquelas persoas que residen en vivendas unifamiliares, que contan con finca ou con xardín para colocar o composteiro e para aproveitar despois o compost resultante “que se pode empregar para abonar a terra”.

Pola súa banda, o alcalde, Alfonso Fuente, lembrou que “está prohibido tirar a herba que se sega das fincas e dos xardíns nos contedores da recollida do lixo. Estamos a comprobar que hai moita xente que recolle esta herba en bolsas e despois acábaas depositando nos contedores. Iso está prohibido e non descartamos empezar a sancionar a aqueles que incumpran as normativas vixentes”.

Exit mobile version