Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela distribuirá 54 composteiros nunha campaña de compostaxe doméstica

Burela, 1 de abril de 2014. O Concello de Burela distribuirá 54 composteiros entre os veciños interesados en participar nunha campaña de compostaxe doméstica promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, a través dun convenio con Sogama.

Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, “o obxectivo é reciclar a materia orgánica en orixe, transformándoa nun abono natural, compost, con excelentes propiedades para o chan e que o produtor pode utilizar na súa horta, xardín e terras de cultivo, en substitución dos fertilizantes artificiais. Dado que a metade do lixo xerado no fogar é materia orgánica, a compostaxe da mesma supón importantes beneficios ambientais, económicos e sociais para todos os veciños”.

As persoas interesadas en participar no programa de compostaxe doméstica, poden dirixirse á Oficina de Medio Ambiente do Concello de Burela (situada na Praza da Mariña, nº 13, antigo edificio de Capitanía Marítima) para cumprimentar o formulario de solicitude.

A inscrición no programa inclúe: formación específica sobre o proceso de compostaxe, entrega gratuíta dun composteiro e seguimento do proceso de compostaxe polas monitoras do Centro de Educación Medioambiental Gaia.
López Eijo convida “a todos os veciños que dispoñan de xardín ou horta a sumarse a esta iniciativa que lles permitirá xestionar de forma eficiente os residuos de materia orgánica dos seus fogares e os residuos do xardín”.

Exit mobile version