Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo apoia á ANPA do CEIP Cervo na recollida de residuos na praia de Rueta na que participarán os 115 nenos do colexio

Cervo, 21 de abril de 2014- O Concello, a través das Concellerías de Educación e Medio Ambiente, colabora coa ANPA do CEIP Cervo na actividade de concienciación que se desenvolverá este martes pola tarde, a partir das 15:00 horas, na praia de Rueta. Unha iniciativa na que os 115 nenos e nenas de infantil e primaria do centro recollerán residuos deste areal.

Antes de comezar coa limpeza, o alumnado recibirá unha charla na que se lles informará da actividade que realizarán así como explicacións sobre a importancia de manter as nosas praias en bo estado, ou as consecuencias de botar o lixo fóra dos contedores, tanto para os usuarios dos areais como para a propia fauna da zona e o contorno. Da mesma maneira, colocarase un cartel informativo no que se pide aos usuarios que contribúan a manter limpas as praias.

Ao mesmo tempo, esta acción tamén pretende promover unha actitude cívica e responsable en calquera espazo público e, en especial, no medio natural. A edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso asegura que “para el Concello de Cervo es fundamental trabajar con los niños y niñas en la concienciación medioambiental”, porque “ellos son el futuro y, si conseguimos inculcarles esa actitud del cuidado de la natureza, estaremos formando una sociedad más responsable”.

O Concello quixo agradecer publicamente á ANPA do CEIP Cervo a organización desta actividade así como reiterar “a nosa disposición a colaborar en todas as actividades e iniciativas que vaian en beneficio da comunidade escolar e, incluso, como é este caso, de toda a sociedade”, afirma a edil de Educación, Pilar Armada

Da mesma maneira esta actividade é a primeira que se desenvolverá na Mariña dentro da Semana da Terra, impulsada por Coge 3 e co apoio de Sogama. Así, Cervo será o lugar onde arrinque esta campaña de concienciación, coincidindo ademais coa celebración, mañá 22 de abril, do Día Mundial da Terra.

Punto Limpo
A administración cervense lembra que esta semana e a que vén haberá máis actividades de concienciación para o alumnado. En concreto, o Concello ten organizadas dúas visitas ao Punto Limpo; este xoves serán os nenos e nenas do CEIP nº1 de San Ciprián e o martes día 29 os do CEIP de Cervo os que coñecerán o funcionamento desta instalación así como o papel fundamental que teñen os veciños e veciñas na súa utilización.

Exit mobile version