Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo colabora co Club Náutico Amigos do Mar no fomento do deporte de base coa compra dun batel

cesion_batelCervo, 2 de abril de 2014- O Concello de Cervo continúa coa súa liña de colaboración cos clubs e entidades do municipio co obxectivo de apoiar ao tecido asociativo e fomentar a súa actividade. Neste caso a delegación de Deportes, que dirixe Luis Guillén, colabora co Club Náutico Amigos do Mar de San Cibrao no fomento do deporte de base. En concreto, o Concello entregou hoxe un batel ao club, dirixido de forma prioritaria a propiciar a práctica do remo entre nenos e mozos. Un equipamento que tivo un custo duns 12.200 euros, dos cales o Concello financiou 6.000 euros procedentes de fondos municipais mentres a Xunta achegou os 6.200 euros restantes.

Unha embarcación que foi cedida a esta entidade e que ademais fará posible que o club poida acudir a competicións. Ata o de agora, Amigos do Mar só dispoñía de dous bateis para adestramento, pero polas súas características non podían ser utilizadas para competir.

O novo batel, fabricado en fibra de carbono e polo tanto máis lixeiro, permitirá ao club “ampliar as súas perspectivas, podendo entrar no ámbito competitivo” tal e como asegura Luis Guillén, que participou na entrega xunto co alcalde, Alfonso Villares, o presidente do club, Marcelino Bermúdez, e outros membros da entidade.

Guillén destaca que con esta cesión, o Concello axuda a este club a “seguir fomentando o deporte náutico”. O Club Amigos do Mar, fundado no 2010, mantense moi activo. Dende a sección de Remo ofrecen múltiples actividades desta disciplina, como a Escola de Remo á que acoden escolares do municipio así como adultos.

O batel conta con cinco prazas, catro de remeiros e un temoneiro e foi fabricada nun estaleiro galego. Ademais, é o mesmo modelo que o que utilizaron os actuais campións de España desta disciplina.

Exit mobile version