Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo planta árbores autóctonas na área recreativa de Sargadelos e mellora a senda botánica

area_recreativaCervo, 10 de abril de 2014- O Concello de Cervo vén de plantar árbores autóctonas no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, en concreto na área recreativa e na senda botánica. No caso da área recreativa, reforestouse con carballos, castiñeiros e pradairos co obxectivo de conseguir un espazo de lecer cómodo e atractivo, tendo en conta que é unha zona moi utilizada para o descanso e para xantar.

Un lugar onde hai unhas semanas o Concello eliminou varias acacias, que se atopaban debilitadas e enfermas; unha especie foránea e invasora que foi substituída por árbores autóctonas. A partir de agora, a delegación de Medio Ambiente realizará traballos de mantemento para, pouco a pouco, conseguir unha masa vexetal frondosa. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, comprobaron este xoves o resultado desta actuación.

Ademais, o Concello está mellorando a senda botánica, que constitúe un atractivo natural máis do Conxunto Histórico Artístico. Neste caso, repuxéronse varios exemplares de árbores que secaran ou non prenderan, e tamén se plantaron novas especies para enriquecer o espazo. En conxunto, sementáronse abeleiras, nogueiras, cerdeiras, rebolos, faias, oliveiras, aciñeiras, sobreiras, buxos, abruñeiros, pereiras bravas, capudres, teixos e chopos. Unha senda que ata o de agora estaba formada por 20 especies diferentes e que, despois destes traballos, terá ata 26.

Hai que ter en conta que todos estes traballos enmárcanse no obxectivo do Concello de recuperar a paisaxe tradicional do municipio. Un proxecto global para crear espazos verdes autóctonos a través do cal leva plantados milleiros de árbores en terreos municipais, especialmente no monte Escarabelada, moi próximo á senda botánica e á area recreativa. Unha acción que dará os seus froitos dentro de moitos anos “de la que disfrutarán las próximas generaciones, por las que vale la pena trabajar hoy”, asegura Alonso.

Exit mobile version