Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo repara a cuberta do local de piragüismo investindo 4.300 euros

local_piraguismoCervo, 15 de abril de 2014- O Concello de Cervo vén de mellorar o local que utiliza a sección de piragüismo do CD San Ciprián situado no encoro de Río Covo. En concreto, a actuación consistiu en reparar a cuberta, que se atopaba deteriorada, e colocar novas pranchas de aceiro lacado para evitar as filtracións de auga.

Unhas obras nas que o goberno local investiu 4.300 euros financiados con fondos municipais e que van na liña de colaborar coas entidades deportivas do concello como forma de “fomentar o deporte de base e o exercicio en xeral” explica o edil de Deportes, Luis Guillén.

Guillén destacou ademais o importante labor que leva a cabo a sección de piragüismo do Club Deportivo San Ciprián “impulsando a práctica deste deporte náutico, principalmente entre os máis novos”. Unha entidade coa que o Concello mantén unha estreita colaboración e á que apoia de forma continuada. O responsable de Deportes lembra que hai uns meses o Concello mercou un novo motor para a zódiac de asistencia aos padexeiros, especialmente aos menores de idade, que utiliza o club.

O edil lembra tamén que no municipio existen unhas “instalacións de calidade” para a práctica do piragüismo como é o encoro de Río Covo. “É moi importante aproveitalas en beneficio de todos, e seguir traballando para captar máis usuarios que se animen a aprender e a practicar piragüismo”, engade. Unha boa forma de facelo son os cursos de iniciación que a entidade ten previsto poñer en marcha de novo este verán e nos que “atoparán o apoio do Concello”.

Exit mobile version