Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo abre este martes o punto de información turística na praia das Catedrais para atender ós visitantes en Semana Santa

Foto CatedraisRibadeo, 11 de abril de 2014. Desde este martes estará aberto o punto de información turística da praia das Catedrais para atender aos milleiros de visitantes que se achegarán ata este areal durante a Semana Santa. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que os albergues están cheos e que as expectativas no sector hoteleiro son boas para estes días.

O rexedor asegurou que “estamos con todo preparado xa nestes días de semana santa, nos que moita xente aproveita para ter unhas pequenas vacacións e Ribadeo é lugar de destino, cada ano máis, para moita xente doutras partes de Galicia, do Estado e tamén estranxeiros. De aí que teñamos xa feito un reforzo dende o punto de vista da información turística tanto na oficina de Ribadeo, que está no parque, como tamén no punto de información turística das Catedrais, que abrirá desde mañá, martes, en horarios de mañá e de tarde porque contamos cunha masiva afluencia de visitantes”.

Suárez Barcia sinalou que “falando esta mañá coas técnicas de turismo, que estiveron sondando o nivel de ocupación previo, este pode ser igual ou mellor que o ano pasado, dado que a día de hoxe moitos dos establecementos andaban nunha media do 75 por cento e tiñan boas vibracións para esta semana santa. Notamos un incremento importante de peregrinos, temos cheos tanto o albergue de Ribadeo como o de Vilela, aínda que dende logo o fenómeno das Catedrais segue medrando día a día; é incontable o número de chamadas telefónicas que todos os días fan á oficina de turismo de Ribadeo para preguntar información, sobre todo de mareas. Incluso a páxina web de Meteogalicia ten un apartado especial para a praia das Catedrais. Ademais, pola información que me pasan dende a oficina de turismo, mesmo axencias andaluzas agora están traendo turistas da Costa do Sol, quizais porque alí xa está todo moi masificado, sobre todo co reclamo principal da praia das Catedrais”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “co Concello, dando o mellor de nós mesmos, e tamén co bo labor dos hostaleiros, dos restauradores, de toda esta xente profesional que temos aquí, en Ribadeo, estou convencido de que vamos facer que cada ano Ribadeo estea mellor posicionado no ranking de destinos turísticos preferentes”.

Exit mobile version