Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo cobrará por empregar os baños das Catedrais desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro.

catedraisRibadeo, 24 de abril de 2014. O Concello cobrará por empregar os baños das Catedrais desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro. O obxectivo, segundo explica o alcalde, Fernando Suárez, é reinvertir os ingresos que se obterán con esta medida na compra dos produtos de limpeza que se empregarán para ter os aseos en perfectas condicións e na contratación do persoal que se encargará destas tarefas. A ecotaxa que abonarán as persoas que utilicen os baños das Catedrais será de 0,50 euros. Ao remate deste período experimental si as contas dan superávit ese diñeiro investirase en efectuar melloras na praia.

O rexedor dixo que “mentres seguimos á espera da resposta ás cartas que lles mandei ao presidente da Xunta e ao ministro de Medio Ambiente sobre a situación extrema que está a padecer a praia das Catedrais nestes últimos anos e tempos, desde o Concello de Ribadeo e no ámbito das escasas competencias que temos seguimos a traballar para ofrecer unha imaxe mellor aos milleiros de persoas que nos visitan durante todo o ano, non só na época estival”.
Fernando Suárez insistiu en que “este fenómeno das Catedrais é moi importante para Ribadeo, pero estase a desbordar. Tamén é importante para o Concello porque o custo que temos que asumir para dar un servizo de calidade alí é moi elevado, e ademais durante todo o ano”.

O alcalde ribadense explicou que “o que queremos que os visitantes, ao igual que lles gusta ver unha praia e un entorno limpo tamén precisan duns servizos que non cheiren, que teñan todo tipo de comodidades e de limpeza permanente. Esta iniciativa experimental de cobrar 50 céntimos por utilizar os servizos aquí pode resultar novidosa, pero en calquera punto de Europa é do máis común e do máis habitual”.

Suárez Barcia subliñou que “non pretendemos en absoluto que o Concello de Ribadeo se lucre sen mais, senón reinvertir estes ingresos na contratación de persoal para realizar esas tarefas e tamén dos produtos de limpeza e do material que se precisa para ter durante todas as horas do día iso como se fose un hotel”.

O rexedor ribadense engade que “si temos superávit, aínda por riba, destinaríamos eses cartos a efectuar melloras na praia. Hai que lembrar que o Concello non dispón de nin un só metro cadrado de propiedade, tan só a responsabilidade da limpeza e do socorrismo e tamén a responsabilidade de que isto siga ser un lugar atractivo e non unha feira con incerto resultado final”.

Exit mobile version