Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo reparte 55 composteiros para participar na campaña de compostaxe doméstica nas vindeiras semanas

Ribadeo, 1 de abril de 2014. O Concello está a repartir 55 composteiros na campaña de compostaxe doméstica que porá en marcha ao longo das vindeiras semanas. Ata o momento hai 12 fogares anotados, segundo informa no día de hoxe a Concellaría de Medio Ambiente, que anima “ás vivendas unifamiliares que dispoñan de xardín, hortas ou terras de cultivo a apuntarse ao programa de compostaxe doméstica de Ribadeo 2014”.

A Concellaría de Medio Ambiente sinala que “despois da experiencia vivida en 20 fogares ribadenses no ano 2012, a través da Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense e financiado por Sogama ponse de novo en marcha o programa de compostaxe doméstica, un curso de formación dirixido a vivendas unifamiliares que dispoñan de xardín, hortas ou terras de cultivo, a través do cal se explicará con detalle o proceso de fabricación do compost a partires dos residuos orgánicos xerados nos seus fogares, obtendo un abono de alta calidade que poderán utilizar nas súas propiedades”.

Os fogares participantes recibirán un composteiro e un manual de autocompostaxe, á vez que un mestre composteiro encargarase da instrución necesaria mediante unha charla, cuxa asistencia é vinculante á hora de recibir o material. As vivendas interesadas en participar poderán solicitalo no Concello de Ribadeo vía telefónica a través do 982 120 701 ou por correo electrónico a medioambiente@ribadeo.org.

Desde a Concellaría de Medio Ambiente engaden que “desta maneira preténdese reducir a xeración de residuos, pechando o ciclo de recuperación e reciclaxe de materia orgánica en orixe, o que evitará o seu depósito nos contedores convencionais, alcanzando importantes beneficios ambientais e económicos, conseguindo deste xeito nutrientes necesarios para que se podan desenvolver os vexetais nas nosas terras”.

Exit mobile version