Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno burelés afirma que “o acceso ó porto está nos presupostos da Xunta e será unha realidade a pesar dos PSOE”

Burela, 2 de abril de 2014. O equipo de goberno burelés saíu hoxe ó paso das manifestacións do PSOE sobre o acceso ó porto e sobre PXOM, afirmando que “o acceso ó porto está nos presupostos da Xunta, e será licitado, adxudicado, contratado e comezado de novo no presente ano 2014, a pesares do PSOE burelés, que estaría encantado de que non se fixese, para facer carnaza política”.

O goberno burelés dixo que “os socialistas estiveron catro anos na Xunta e non foron capaces de facer o acceso ó porto. Tanto é así que o goberno de Núñez Feijoo tivo que facer un novo proxecto, porque o PSOE foi incapaz xa non a rematar a obra, senón a facer o que tiña que facer: resolver os litixios existentes e redactar un novo proxecto. Por iso agora están alporizados e o seu desexo sería que non se fixese. E nós pedímoslles que se tranquilicen, porque vale máis a palabra do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que toda a verborrea e demagoxia que usa o PSOE burelés”.

Para o equipo de goberno de Burela, “o PSOE erra unha vez máis á hora de facer valoracións sobre o PXOM. Erra porque o anterior alcalde, o Sr. Llano, asinou o contrato do PXOM e pare de contar, se exceptuamos o documento de inicio. Tivo que ser este equipo de goberno o que colleu o PXOM con absoluta decisión, conseguindo aprobalo inicial, provisional e definitivamente nun prazo moi corto de tempo, dous anos e un mes. A Llano anda se lle está esperando en moitas administracións e entes públicos para falar sobre o PXOM, cousa que non nos sorprende, porque fiel á súa forma de ser non fixo nada de nada; iso sí, gardou informes nos caixóns que despois foron determinantes para a elaboración do PXOM”.

“Ademais, sorprende que agora lle guste o PXOM ó PSOE, porque nos plenos o Sr. Llano e os seus compañeiros votaron en contra da súa aprobación inicial e da provisional, o que demostra que non queren a ampliación do Hospital, non queren solo industrial, non queren solo dotacional e non queren que se rebaixe a afectación da variante”, afirman desde o goberno municipal de Burela.

Finalmente, afirman que “para desmontar iso das visitas dos conselleiro, aquí queda o compromiso da Xunta con Burela, máis de un millón de euros aportados ó Concello en 2013. E aquí queda o compromiso da Deputación do Sr. Besteiro, 35.000 euros aportados ó Concello, cantidade sensiblemente inferior ó soldo de 51.000 euros do Sr. Llano, e varias peticións de entrevista formuladas polo alcalde que nin foron nin serán atendidas polo Sr. Besteiro, demostrando un desprezo absoluto cara Burela”.

Exit mobile version