Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno Provincial defenderá no Pleno o mantemento de tódolos partidos xudiciais

Lugo, 23 de abril de 2014.- O equipo de Goberno Provincial presentará unha moción no vindeiro Pleno, que terá lugar o martes 29 de abril, manifestando o seu “absoluto rexeitamento” ó Anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, esixindo ó Goberno Central “a súa inmediata retirada porque atenta contra o acceso á tutela xudicial dos cidadáns”, e instando a Feijóo a que “inicie os trámites necesarios para garantir o mantemento dos 45 partidos xudiciais de Galicia”.

O pasado 4 abril, o Consello de Ministros presentou o Anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial que, entre outras modificacións, supón a supresión da actual planta xudicial. De aprobarse, na provincia de Lugo eliminaríanse 8 dos 9 partidos xudiciais que existen na actualidade. “Esta nova lei que pretende aprobar o Ministro Gallardón é unha nova barreira que introduce o Partido Popular no acceso á xustiza, menosprezando a Constitución que garante o acceso a este servizo público esencial. Esta nova traba súmase ó desmesurado incremento das taxas xudiciais. Parece evidente que unhas taxas prohibitivas para os cidadáns e a alteración da organización xudicial, responden ó obxectivo de impedir que os cidadáns gocen do seu dereito á xustiza”, mantén o Goberno Provincial.

A reforma impulsada polo Partido Popular “non atende a realidade de Galicia en xeral, nin da Provincia de Lugo en particular”. A supresión dos partidos xudiciais de Monforte, Sarria, Mondoñedo, Viveiro, Becerreá, Fonsagrada, Chantada e Vilalba priva ó 60% dos lucenses dunha xustiza accesible, obrigándoos a desprazarse máis dunha hora da súa residencia, co consecuente incremento do gasto.

Favorece o despoboamento
“A unha cidadanía espallada no territorio debe corresponder unha planta dos servizos públicos que facilite o achegamento dos cidadáns. Os actuais partidos xudiciais veñen dando resposta á litixiosidade, pero tamén á proximidade. Esquecer esta non mellora aquela, só a cambia de lugar. Pero crea outros problemas ós profesionais da xustiza, funcionarios, avogados, procuradores, entidades auxiliares, Concellos e, sobre todo, ós cidadáns. Novamente, o PP fai distincións entre cidadáns de primeira e de segunda coa máxima arbitrariedade posible, diferenciándoos polo seu lugar de residencia. A loita contra o despoboamento, o abandono do territorio e a sostibilidade do ámbito é incompatible coa supresión dos servizos mínimos”.

“Desprezo do PP cos lucenses que non viven na capital”
“O desprezo do Partido Popular cos lucenses que non residen na capital foi unha constante dende a chegada ao Goberno. A esta reforma da planta xudicial hai que sumarlle a reforma sanitaria, que centralizou a xestión hospitalaria no Hula mediante as áreas integradas. Esta medida centralizadora forma parte dunha política xudicial fondamente lesiva para os cidadáns”. O Goberno Provincial lembra que o PP paralizou os procesos de modernización tecnolóxica, de posta en funcionamento da nova oficina xudicial e de creación de prazas, ó tempo que anunciou a modificación dos Rexistros Civís e agora propón a desaparición dos partidos xudiciais e a concentración da actividade xurisdicional nas capitais de provincia.

Acordos
“Polo exposto, e ante o novo ataque ós cidadáns promovido polo Partido Popular, que afasta a xustiza dos lucenses para facela inaccesible”, a moción do Goberno Provincial propón os seguintes acordos:

Manifestar un absoluto rexeitamento da Deputación de Lugo ó Anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial.
Esixir a inmediata retirada ó Goberno Central do Anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, por ser unha reforma que atenta contra o acceso á tutela xudicial efectiva dos cidadáns.

Esixir ó Presidente Feijóo que inicie os trámites necesarios para garantir o mantemento dos corenta e cinco partidos xudiciais de Galicia.

Exit mobile version