Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP pide no Pleno da Deputación que se incremente o apoio económico ás confrarías de pescadores da provincia

Lugo 24 de abril de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular solicitará no próximo pleno da Deputación que a administración que preside José Ramón Gómez Besteiro incremente o apoio económico ás confrarías de pescadores da provincia “dada a importancia da funcionalidade dos pósitos, a relevancia do sector pesqueiro en Lugo e tendo en conta a maiores as condicións climatolóxicas que se deron durante esta anualidade e que ocasionaron perdas no sector”.

A voceira dos populares, Elena Candia, explicou que dende o seu grupo trasladadan de novo esta petición, -o GPP en 2012 xa solicitara un maior apoio da Deputación ás confrarías-, tras facerse eco das reivindicacións do sector despois das duras condicións climatolóxicas sufridas este ano e que afectaron de forma moi negativa ás confrarías.

Candia di que pese a que o PSOE e o BNG votaron en contra á proposta do 2012, foi a partir desta iniciativa cando o organismo provincial outorgou unha axuda á confraría de Foz, que ata daquela non percibía subvención. Polo que, os populares agardan que o goberno da Deputación sexa consciente das verdadeiras necesidades da provincia e atenda ás peticións dos populares que “son as reivindicacións de cada unha das confrarías”.

Presentación moción
Os populares presentaron esta tarde na Confaría de Pescadores de Burela aos patróns maiores dos seis pósitos lucenses e á Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros a moción que defenderán na próxima sesión plenaria e que aúna as reivindicacións do sector.

Na xuntanza estiveron presentes a voceira do Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación, Elena Candia, o voceiro do Mar no Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro, así coma os deputados provinciais, José Jesús Novo Martínez e José Manuel Yanes Ginzo.

Este encontro permitiu reincidir xa de forma presencial na información que lles trasladaron dende as Confrarías sobre a colaboración da Deputación lucense, da que o sector pesqueiro reclama unha maior implicación, ao igual que a que están a poñer de manifesto dende as outras administracións gobernadas polo PP.

Unha maior colaboración por parte da Deputación

Os populares insisten en que o sector pesqueiro debe ter unha maior presenza no Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación. “Trátase dunha das principais fontes de riqueza desta provincia e, por exemplo, durante 2013 facturou en primeiras vendas nas lonxas da provincia máis de 100 millóns de euros”, matizaron dende o GPP.

Para os populares non é permisible que asociacións vinculadas a partidos políticos con actuacións fóra da provincia reciban unha achega económica superior a das confrarías. Nos orzamentos de 2014, as axudas dirixidas aos pósitos seguen a manterse na mesma contía que no 2012: un total de 21.000 euros, -3.000 por pósito- en subvencións nominativas a repartir entre a Confraría de Pescadores de O Vicedo, a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro; a C.P. Santa María del Campo de Ribadeo-Rinlo, a C.P. “San Juan Bautista” de Burela; a C.P.de Foz e a Confraría de Pescadores de San Cibrao; así como entre a Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros.

A peor das Deputacións galegas
A maiores, a Deputación de Lugo é a administración provincial galega que menor contía achega ás confrarías. Os populares realizan a comparativa, por exemplo, coa Deputación de Pontevedra que como media aporta 23.000 euros ás confrarías, fronte aos 3.000 euros da lucense.

Exit mobile version