Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio convoca unha concentración na Praza do Concello de Foz o vindeiro luns en condena da violencia machista

O novo caso de violencia violencia machista ocorrido no lugar de Malates en Foz, o pasado mércores 24 volve estremecer a comarca da Mariña. Nos catro meses deste ano 2014, tres crimes de violencia machista sacudiron xa a nosa bisbarra, de forma que o asasinato de Foz súmase aos dous feminicidios ocorridos en Cervo no mes de xaneiro. A nivel provincial, catro mulleres foron asasinadas xa na provincia polo simple ‘delito’ de seren mulleres nunha sociedade machista, de forma que “no que vai de ano, o índice de asasinadas na provincia de Lugo é de unha muller por mes”, destaca Luísa González, presidenta da asociación feminista Observatorio da Mariña pola Igualdade. González destaca igualmente como “estas cifras lémbrannos o lonxe que estamos de acadar na nosa sociedade que os crimes de xénero sexan cousa do pasado; pero amais, non debemos esquecer que a violencia machista é desgraciadamente un fenómeno global, así que cando unha muller é asasinada polo feito de ser muller, todas somos atacadas”.

O Observatorio da Mariña pola Igualdade quere manifestar unha vez máis a súa condena máis enérxica polo asasinato desta veciña focega, resultado da opresión de xénero que aniña nas nosas sociedades e que considera ás mulleres cidadás inferiores. Neste sentido, o colectivo resalta a importancia da concienciación da cidadanía sobre a lacra da violencia de xénero, un problema social maiúsculo que nos concirne a todas e todos, que está preto de nós e que acontece en moitas das nosas vilas. Lonxe de ser unha afirmación sensacionalista, este triste fenómeno está constatado desgraciadamente pola realidade; unha realidade que hoxe nos volve sacudir manifestándose en forma de asasinato machista.

Desde a asociación feminista convócase a todas as mariñás e mariñáns a unha concentración o luns 28 de abril na Praza do Concello de Foz, que comezará ás 8 da tarde e concluirá coa lectura dun manifesto. Amais de enviarlle todo o seu apoio á familia e amizades da muller asasinada, o Observatorio fai un chamamento á sociedade da Mariña para que se posicione frontalmente en contra de todas as manifestacións da discriminación machista, das cales os feminicidios (ou asasinatos de mulleres) constitúen o exemplo máis extremo. Así mesmo, o colectivo reivindica que a loita contra os feminicidios que acontecen na nosa contorna sexa un asunto prioritario tanto no gobernos locais e autonómico, como no estatal.

Exit mobile version