Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio organiza para o Día Internacional do Libro a presentación da novela O solpor da cupletista con María Xosé Queizán

O próximo mércores 23 de abril, Día Internacional do Libro, o Observatorio organiza ás 20.00h na Casa das Letras de Ribadeo a presentación do último libro de María Xosé Queizán, O solpor da cupletista (Ed: Xerais, 2013), unha novela onde nos presenta a Carolina Otero, a célebre actriz e bailarina galega da Belle Époque francesa.

Para a presentación de O solpor da cupletista contarase coa propia autora, unha das máis relevantes escritoras galegas e figura clave do feminismo galego, e con Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais de Galicia.

En O solpor da cupletista María Xosé Queizán focaliza o seu oficio narrativo nun momento final da vida da Bela Otero para presentarnos unha das mulleres saídas de Galicia cunha forza, unha beleza e unha intelixencia tan soberbia que logrou o protagonismo estelar no momento histórico da vida alegre. Recorrendo ao flash back, a autora condúcenos á infancia daquela nena, de extracción moi humilde, que desde ben nova comprendeu que, dada a súa condición miserable, lle arrebatarían sen pagar o seu corpo e a súa beleza, de tal xeito que ela mesma decidiu usalo no seu proveito, chegando a converterse nunha das artistas europeas máis famosas da época. Cunha prosa directa que sabe mostrarnos as debilidades e grandezas dunha personaxe real e da súa Belle Époque, Queizán constrúe un relato intenso e apaixonante. Abordando a vida da Bela Otero desde a perspectiva máis íntima e persoal, e eludindo conscientemente os sucesos máis sonados do seu éxito, O solpor da cupletista desvélanos o verdadeiro rostro da artista, rostro que inevitablemente nos remite a unha infancia que Carolina Otero esconxurou para esquecela. Á novela curta, a autora engádelle nesta edición un interesantísimo ensaio de investigación baixo o título de Carolina Otero, a liberdade arrogante que reconstrúe as paisaxes do seu periplo vital.

Exit mobile version