Site icon Crónica3.com A Mariña

O prazo de inscrición no IX ‘Ribadeo de tapeo’ remata o luns 7 de abril

Ribadeo, 5 de abril de 2014. Xa está en marcha a IX edición do Ribadeo de tapeo, que se desenvolverá do 10 ao 18 de maio. O concurso está organizado pola Área de Desenvolvemento Local e Turismo do Concello xunto á Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.

O obxectivo desta cita é promocionar a cultura das tapas e fomentar a calidade da gastronomía da vila. Os establecementos locais que desexen participar no Ribadeo de tapeo poden inscribirse ata o vindeiro 7 de abril ás 14 horas.

Haberá catro premios do xurado: o primeiro, o segundo e o terceiro e a novidade deste ano que será o premio tapa de Ribadeo. Ésta deberá ser realizada con produtos da zona e de proximidade. Así mesmo valorárase que ademais se empreguen produtos de temporada. Os premios que recibirán a primeira, a segunda e a terceira tapa, elixida por un xurado experto, será unha placa de recoñecemento. E o premio para o establecemento gañador da tapa de Ribadeo, será unha campaña de promoción e márketing en internet que axude ao establecemento a gañar posicionamento e dinamizar as visitas do local. A campaña terá unha duración dun mes e será levada a cabo por un experto/a en Social Media e estará valorada en 400 euros.

O público que acuda ao Ribadeo de tapeo poderá votar e así elixir a mellor tapa e a mellor barra.
Segundo as bases, que están publicadas na páxina web do Concello de Ribadeo: cada establecemento poderá presentar 1 tapa como máximo a un prezo de 1.30 euros, podendo ser frías ou quentes. As tapas presentadas ao concurso deberán ser expedidas ao público durante os días de celebración do mesmo, agás os días de peche oficiais de cada estabelecemento (aqueles que non teñen día de descanso, poderán establecer un día de descanso).

O horario de servizo das tapas deberá ser como mínimo durante 2 horas en horario de mañá-mediodía e de 3 horas pola tarde, agás aqueles establecementos que xustificadamente acrediten que o seu horario habitual é ou ben de tarde ou ben de mañá.

Terase en conta que unha tapa deberá ser un pratiño de non máis de tres bocados, preferiblemente que se poda tomar coas mans, sinxelo e directo pero impactante.

Todos os establecementos participantes están obrigados a presentar á organización fotografías da súa tapa con anterioridade ao 24 de abril. A organización porá un fotógrafo/a gratuíto a disposición dos locais participantes. Para tal fin o fotógrafo/a e hostaleiro/a deberán concertar necesariamente a data entre os días 22 e 24 de abril, respectando na medida do posible as quendas por zonas que establecerá o fotógrafo/a e/ ou a organización. Será o fotógrafo quén se poña en contacto cos establecementos.

Na pasada edición do concurso de tapas participaron 55 establecementos hostaleiros, que venderon arredor de 50.000 tapas. A organización agarda que este evento volva ser un éxito de público e de participación.

Exit mobile version