Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Burela desexa que “as visitas nos traian máis compromisos” e “non anuncios antes das eleccións”

Dende o PSdeG-PSOE de Burela queren amosar a súa “satisfacción pola aprobación final do PXOM de Burela, e neste senso só nos queda felicitar a todas as persoas e institucións que tiveron algo que ver en que este Plan Xeral de Ordenación sexa unha realidade, dende o actual equipo de goberno ata o anterior que foi o encargado de iniciar esta tramitación pasando, por suposto, por todos aqueles veciños e veciñas que fixeron alegacións ó citado documento”. Dende o PSdeG-PSOE entenden que “este documento, a pesares de que nalgunha das cousas que nel se reflexa non estamos de acordo, é un documento importante para o desenvolvemento futuro de Burela que marcará o crecemento de Burela nos vindeiros anos”.

Dito isto, tamén teñen que facer unha crítica. Trátase “da maneira con que o Sr. Barcia se refire a esta aprobación”. “Afirmacións que reflexa a prensa como “este plan vale unha lexislatura” parécemos que están fora da realidade, e confirma a nosa idea de que este goberno municipal é un goberno fracasado, e sen ningún tipo de ambición. Un goberno que está a producir o estancamento económico e social dos veciños e veciñas de Burela. Se o Sr. Barcia pensa que os veciños e veciñas van a dar por boa a xestión de este goberno pola aprobación do PXOM mal vamos, despois dos sacrificios e recortes ós que se está a someter ós veciños e veciñas por parte deste equipo de “desgoberno”. O Sr. Barcia o único que fixo foi rematar un traballo que se iniciou na anterior lexislatura, e é bo que se recorde”, consideran os socialistas.

“Con respecto á visita que nos fixo o Concelleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas non podemos máis que mostrar a nosa decepción en referencia ó anuncio que fixo con respecto a tan necesaria obra de acceso ó porto de Burela. Non se acadou ningún compromiso concreto, limitándose a dicir que nos próximos meses se licitará a obra, sen dar datos concretos nin datas de remate da obra. Dende o PSdeG-PSOE de Burela non podemos máis que poñer en “cuarentena” este anuncio tendo en conta ademais de quen fai o anuncio. Queremos recordar que este Conselleiro foi o que enganou ós cidadáns da Mariña coa vía de alta capacidade (VAC) de San Cibrao a Viveiro actualmente paralizada, e que foi capaz de ter a “caradura” política de traer as máquinas quince días antes das eleccións autonómicas, para volver paralizar as obras despois de que pasaron as eleccións no que se podería chamar “enxeñería política” ou máis ben un engano en toda regra. Ogallá nos enganemos, pero moito nos tememos que esta sexa outra destas manobras que usen de cara as eleccións municipais que quede niso, nunha obra de teatro para tentar que os resultados electorais do Partido Popular de Burela non sexan tan desastrosos como eles mesmos esperan”, aseguran dende o PSdeG local.

“Vistas as últimas visitas que recibimos ultimamente en Burela de cargos da Xunta de Galicia, Sr. Rueda (inaugurar uns xogos infantís), e agora o Sr Agustín Fernández para asinar un documento aprobado nótase a preocupación do Partido Popular pola nula xestión que están a facer en Burela. Dende o PSdeG-PSOE de Burela desexaríamos que nos visitaran traendo compromisos de algo máis de peso para rematar todos aqueles asuntos que temos pendentes”, critican.

Exit mobile version